CON AZAS A PORFÍA?

Anxos con patíns brancos na praza de O Grove

Andei as rúas doutros anos na vila mariñeira
Os vieiros que circunvalan espacios misteriosos

Meditei na ponte veneciana
No camiño iniciático
que leva á illa do tesouro
inda por descubrir

Por debaixo pasaban as ondas coma a vida
musitaban as aves as puras letanías
dunha levitación non aprendida

En procura de ti
xurdía a cegadora presencia da Lanzada
en liñas sinuosas que se ofrecen intactas
coma unha harpa
que fire o corazón de emoción sideral
Mística

Soaban as palabras de amor e mais a morte
Non aprendín aínda a escoitalas sen pranto?

pero ninguén me viu chorar
agás dúas meniñas na praza do concello
cando lía eu a prensa
na apoiatura dun bloque de granito tallado:

Viñeron xunta min
Con patíns brancos
Con palabras purísimas de rula
Con ollos de solsticio
Con esguince de arcanxos
Con azas a porfía?

Un Anxo iniciativo. Outro moderador

Preguntáronme o nome
Preguntáronme a tabla de multiplicar
Os ríos de España
As fontes de enerxía

(Non sei se me aprobaron)

Dixéronme que viñan onda min porque me vían igual ca
rula solitaria: si no es la tortolica que está
viuda y con dolor?

Non sabían os anxos
que estou aprendendo a vivir?


Prometo a flor de loto
Luz Pozo Garza

Comentarios

Publicacións populares