O BERRO DA INOCENCIA
Torturas
Non cambiou nada.
O corpo doe,
debe comer e respirar aire, e durmir,
ten a pel fina e xusto debaixo dela, sangue,
ten unha boa cantidade de dentes e uñas,
os seus ósos son fráxiles, as articulacións extensibles.
Nas torturas todo isto tómase en consideración.
Nada cambiou.
O corpo treme como tremía
antes da fundación de Roma e tamén despois,
no século vinte antes e despois de Cristo,
as torturas son como eran, só a terra empequeneceu
e calquera cousa que pasa, é como na casa do veciño.
Non cambiou nada.
Só que hai máis xente,
xunto ás vellas culpas apareceron novas,
reais, provocadas, momentáneas e ningunhas,
mais o berro co que o corpo responde por elas
era, é e será o berro da inocencia,
segundo a escala e o rexistro eternos.
Non cambiou nada,
quizá só modais, cerimonias, bailes.
O xesto das mans protexendo a cabeza,
con todo, segue sendo o mesmo.
O corpo retorcese, forcéxea e arrinca,
derrubado cae, dobra os xeonllos,
amoratase, ínchase, babexa e sangra.
Non cambiou nada.
Excepto o curso dos ríos,
a liña dos bosques, as costas, os desertos e os glaciares.
Entre esas paisaxes a pequena alma deambula,
desaparece, volve, achégase, afástase,
estraña para si mesma, intocable,
unha vez segura e outra vez insegura da súa existencia,
mentres que o corpo está, está e está
e non ten onde gorecerse.
Wislawa Szymborska
Pintura: Torturado, de Xaime Quessada
Comentarios