O MAPA DUN POBO E DUNHA TERRA


Mamasunción

                         A Chano Piñeiro

O rostro candeal de millo e de granito

labrado a rella e grade por romanos arados

ten a ollada inmóvil da pedra milenaria

e viu medrar os séculos na súa lagoa glacial.

Corazón de zarrota e pálpebras de terra

latexan nos crepúsculos da seitura telúrica.


O trebón do abandono lostregou desamparo

cincelou enrugas e desbocou torrentes

que erosivos fluiron polos regos máis fondos.

A súa face é o mapa dun pobo e dunha terra

onde sempre se queda e onde sempre se parte.


Pola pel de centeo batida nas mallas do tempo

cruza o espectro dun tren que se alonxa

como barcos nocturnos navegando sulcos

letalmente cavados nunha carne de lama.

Eu maldigo o machado que tronzou esta piña

convertindo o seu xesto nun bosque queimado.


A soidade que talla tanto rostro de estatua 

orixinou o mundo das ruínas circulares

onde mora na mágoa un pobo micetal.


A boca violeta
Claudio Rodríguez Fer

Fotogramas do filme Mamasunción (1985), de Chano Piñeiro


Comentarios

Publicacións populares