Relucintes restras

 


A cabeleira da amada

Minguado lle pareceu ó salgueiro branco
o cabelo de Absalón, do fillo de David,
dende que as túas crechas femininas, sedosas e lenes,
nas súas ramas se enguedellaron.

As relucintes restras do teu cabelo
son como paxariños fadados:
ningún rechouchío sae das súas gorxas
e, sen embargo, a todos pasman.

Entre o teu loiro cabelo, longo e rizado,
brillan os teus lucintes ollos,
claros e lucidíos como diamantes
engastados en refulxente ouro.

Unha fermosura como a da túa presencia
non se ollou nesta terra endexamais.
Ninguén anel adorna a túa man,
pero cen aneliños relocen arredor da túa caluga.

Polo teu colo harmonioso
debala a onda lene, dourada, do teu cabelo:
son moitos os anhelos que cinguen a túa caluga
gardándoa na súa rizada prisión. 




Cancioneiro da poesía céltica, século XVI

Fotografías de © Ellen Rogers

Comentarios

Publicacións populares