EL MESMO CREA AS CAUSAS

O odio 

Miren que boa condición segue tendo
que ben se conserva
no noso século o odio.
Con que lixeireza vence os grandes obstáculos.
Que fácil para el saltar, atrapar.

Non é como outros sentimentos.
É ao mesmo tempo máis vello e máis novo.
El mesmo crea as causas
que o espertan á vida.
Se dorme, non é nunca un soño eterno.
O insomnio non lle quita a forza, dálla.

Con relixión ou sen ela,
o importante é axeonllarse na liña de saída.
Con patria ou sen ela,
o importante é arrincarse a correr.
O bo e o xusto ao principio.
Despois xa agarra voo.
O odio. O odio.

O seu rostro o deforma un xesto
de éxtase amorosa.

Ai, esoutros sentimentos,
febles e torpes.
Desde cando a irmandade
pode contar con multitudes?
Algunha vez a compaixón
chegou primeiro á meta?
Cantos seguidores arrastra tras de se a incerteza?
Arrastra só o odio, que sabe o seu.

Talentoso, intelixente, moi traballador.
Fai falta dicir cantas cancións compuxo?
Cantas páxinas da historia numerou?
Cantas alfombras de xente estendeu,
en cantas prazas, en cantos estadios?

Non nos enganemos,
sabe crear beleza:
espléndidos resplandores na negrura da noite.
Estupendas fumaredas no amencer rosado.
Difícil negarlle patetismo ás ruínas
e certo humor vulgar
ás columnas vigorosamente erectas entre elas.

É un mestre do contraste
entre o estrondo e o silencio,
entre o sangue vermello e a brancura da neve.
E ante todo, xamais lle aburre
o motivo do torturador impecable
e a súa vitima deshonrada.

En todo momento, listo para novas tarefas.
Se ten que esperar, espera.
Din que é cego. Cego?
Ten o ollo certeiro do francotirador
E soamente el mira cara ao futuro
con confianza.


Wisława Szymborska

Dúas obras da serie negra de Xaime  Quessada Porto


Comentarios

Publicacións populares