MIRA AO MUNDO ESTREMECERSE


:TOKYO


(unha voz / non temas a propagación

o desprazamento da cortiza terrestre só ocorre en xeografías mentais)


14:46


unha cidade aleitada pola luz, un arquipélago, a adquisición da miña linguaxe aínda en cernes.


a acústica dos elementos presaxia unha catástrofe


nai,

mira ao mundo estremecerse.
mira a miña columna vertebral, a súa curvatura, ti que aínda conservas o significado da miña infancia entenderías isto:


a brutalidade descubriume sen instrumentos. fíxenme ao exilio sen máis asa que o pavor, coma se con iso puidesen previrse os desastres.


a tal hora, as aves máis fermosas coas máis desorientadas. a esta hora, as eguas paséanse dun lugar a outro, míranse os costados, súan, non queren parir. quietísimas as máis desesperadas: pescozo uterino dilatado, contracción involuntaria. nada pode protexelas do medo? pola vaxina expulsan auga. os membros do poldro fan a súa primeira aparición, os ombreiros, a cabeza, e unha vez que entra na vida, faio para caer de novo ao chan.


baixo este escenario, eu son unha zona de derrubes. nai, podes verme? ninguén soubo dicirnos o que era en realidade a distancia. esta alteración, o sobresalto, todas as alarmas e un vaivén, un abalo tan feroz, tan inhumano. debo abandonar a casa, reunirme coas outras mulleres, vinas saír cos seus fillos nos brazos. agora sei que non hai

arremetida máis violenta contra o corpo que unha illa.


moi preto de nós, o aceite penetra na baía, recoñecemos o cheiro dos incendios. as mans xuntas, o rostro como quen finxe unha serenidade.


alguén di:


o inverno non é unha estación propicia para morrer. elevariámonos ao ceo desordenando a caída da neve, habería que plantar un bosque noutro bosque.


quietude. cortiza de magnolios. fume branco. o arroz quedouse esparexido en pequenas mesas familiares. fronte a unha cidade ás escuras, só queda esquecerse dos ollos. deter os trens. buscar un sitio cálido onde durmir. avanzamos coas cabezas cuberta e o asombro e a dúbida. podería pensarse que imos enlazados, collidos das mans. podería pensarse que non temen a desaparición. jishin, dígome terremoto. as noticias din nove. magnitude. o poderoso e o devastador. aínda non rocei a beira do espanto, estou a escoitar as estrelas:


o corazón de tokio é un berce e man accidentada arrólao.

Daniela Camacho


Comentarios

Publicacións populares