UN RAIO VERDE NO NADIR

Xardíns de Sintra

Gardo a lembranza dun ceu de verao
tras a forma de chuva na cornisa
do pazo; duro alabastro que dispón
do meu corpo no vertical espazo.
Cada tarde alguns ollos perguntaban
polo lugar das aves en agosto,
pola causa da luz nos azulexos
ou por un raio verde no nadir.
Como seguindo a tradición dos libros
mudou a mañá en clámide aos seus ollos
mollando ós pes no orballo de cen fontes.
Un cabalo, a imaxe do seu paso, 
cariátides que duran sob as follas
e todo o que na hora non perece.
A fragáncia que chega dunha rosa
e con soño me entrega ao abandono.


O corpo e as sombras
Eusebio Lorenzo
Fotografías © borealis.pt

Comentarios

Publicacións populares