PAÍS DE LOS LOSADAS: Unha novela de Antonio Pereira


       Quiroga e o País do Sil: un territorio literario


Antonio Pereira. Fotografía de J.A. Robés.


X. Pérez Mondelo

Antonio Pereira (Vilafranca do Bierzo, 1923-2009) é un dos grandes narradores do noso tempo e, paradoxicamente, un gran descoñecido polo público lector. Pertence ao ámbito desa literatura fronteiriza ao que tamén pertencen escritores galego- bercianos como Juan Carlos Mestre ou músicos como Amancio Prada, un amplo territorio, historicamente bilingüe, no que naceron igualmente figuras precursoras do noso Rexurdimento como o propio Pai Sarmiento ou Antonio Fernández Morales, e cuxa singularidade, con tanto afán, defenderon outros destacados escritores, entre eles, Ramón González-Alegre e Antonio Gamoneda, tan identificados coa cultura galega.

Unha das máis agradables sorpresas como lector, nos últimos tempos, foi a chegada á  nosa man de ''País de los Losadas" (1978), unha magnífica novela que ten a Quiroga como centro do seu universo narrativo, á que o autor chama Quiroga Mayor, un espazo literario que se extenderá ao longo da novela por toda a redonda de Ribas de Sil, Courel, Brollón, Lemos, a propia capital e os Ancares, todo ese ámbito que Pereira bautiza como País do Sil. Un espazo narrativo que se abrirá mesmo a Europa, en concreto, ás cidades de Stuttgart e Tubinga, onde un dos protagonistas exerce de profesor na Universidade.

Mais voltemos a Quiroga Mayor, pois foi na Casa Grande dos Losada do Baixo Courel onde naceron os dous  protagonistas: Jacobo e José María Losada, tío e sobriño, respectivamente.

O día no que este recibe a noticia da morte de seu tío Jacobo, decide regresar desde Tubinga a Quiroga para asistir ao seu enterro. E, a partir deste momento, imos descubrir as vidas entrecruzadas e azarosas dos dous membros desta familia de fidalgos e intelectuais quirogueses, nun marco temporal que vai desde os tempos da República até a Transición democrática, medio século da historía de España, de Galicia e da propia vila.

Jacobo Losada, no momento en que estalou a guerra, residía en Madrid preparando unhas oposicións ao Estado e participando activamente na vida cultural e política republicana, colaborando cos seus primeiros artigos en diversos xornais, artigos laudatorios e entusiastas coas políticas do novo réxime. De regreso a Quiroga, unha vez estalada a guerra, para a súa sorpresa, é reclamado polas novas autoridades sublevadas para que declare sobre as súas xuvenis proclamas republicanas publicadas nos xornais da capital. E, así, sen ninguén sospeitar inicialmente do seu futuro alcance, comeza o drama civil. E, daquela, unha nova e inesperada vida para o xoven opositor, que acaba fuxindo das autoridades franquistas e refuxiándose no monte, onde chegou a dirixir unha cuadrilla de escapados. Un itinerario vital, que el mesmo irá contando no seu diario.

Poucas veces temos lido un relato tan fiel deses días, da guerra civil española e da posguerra, como nesta novela de Antonio Pereira, tan veraz, sutil e profundo. E, en concreto, sobre a precipitación deses acontecementos nunha  pequena vila como Quiroga e a súa contorna. Un relato maxistral.

Cando José María Losada chega a Quiroga, despois de permanecer en Alemania longos anos como profesor, totalmente inmerso na vida alemana, a comezos do período demócrático, asistiremos á súa vez ao coñecemento da súa propia peripecia vital e á reconstrución da vida familiar da Casa dos Losadas e, concretamente, ao coñecemento da vida oculta do seu tío Jacobo. Dúas vidas e dous personaxes disímiles, mais marcados por un mesmo suceso tráxico, que se irá desvelando ao longo da novela. Ambolos dous, con corenta anos de diferencia, e por motivos diferentes, nun determinado momento das súas vidas, empuñaron unha mesma arma: unha pistola Astra Cadix calibre 22, que permanecera agochada todo este tempo nunha gaveta da Casa dos Losada. Contra quen e por que fixeron uso desa arma?

Non imos agora abondar no argumento, nin na caracterización dos personaxes, tampouco na multiplicidade de testemuños e voces que aparecen na novela nin na súa complexa estrutura formal, un prodixio de construción narrativa. Só nos move alertar ao lector quirogués, a calquera outro lector ou lectora, da existencia desta magnífica obra. Levalos á súa descuberta e á súa lectura, malia que non sexa hoxe nada doado atopala nunha libreria. Mais, procuren adquirila por calquera outro medio posible. Debería figurar en toda biblioteca, a carón da obra de outros escritores que fixeron de Quiroga e da súa contorna un motivo central da súa creación literaria.

Antonio Pereira segue o ronsel de Anxel Fole, de Eduardo Moreiras, de Guerra da Cal, de Uxío Novoneyra, de Manuel María e outros escritores e escritoras que converteron Quiroga nunha vila xenuinamente literaria.

Daquela, acórdense de Antonio Pereira, un dos máis insignes creadores do País do Sil, ese territorio híbrido, cunha cultura de seu, expresada en dúas linguas. Non deixen de ler esta novela. O propio título, "País de los Losadas", xa convida á súa lectura.

Para finalizar, como exemplo da súa obra poética, deixámos aos lectores con este delicado poema do escritor berciano.


FADO DE LA LIMPIADORA

A las seis de la mañana
fregar el Banco.
Todo de mármol.

A las diez de la mañana
fregar la iglesia.
Toda de piedra.

A la siesta son los patios
de las señoras.
Todos de losas.

Al anochecer la esperan
largos pasillos.
Todos ladrillo.

Cuando se rinde en el sueño
un ángel le hace caricias
en las rodillas.

O río Sil en Augasmestas (Quiroga). Fotografía de Ramón Vila Anca.


[Nota: nun acto de xustiza literaria, a Editorial Siruela publicou recentemente a obra poética e narrativa breve de Antonio Pereira, en dous coidados tomos. Un gran acerto editorial] 


Comentarios

Publicacións populares