Cantigas agochadas e atopadas na rede

Un trono de marfil branco, un vestido de encaixe branco
xace aínda na maxia dun lugar atemporal.
Cen nenos pequenos, rin das pombas brancas
que pousan nas súas mans co toque do amor.

Donovan Leitch



Hai uns días andaba a fozar na rede, cando no Youtube vin a luz ó atopar unha excelente recreación da peza composta por Donovan Leitch, "Legend of a girl child Linda", para o álbum "Sunshine Superman", lanzado fai 58 anos. O vídeo recollía una fotografía de tres mozas actuando en directo como fondo da interpretación. Eran as irmáns Joan Baez e Mimi Fariña, xunto á tamén cantante estadounidense Judy Collins.

A versión, rara e estéreo, interpretada polo trío de novas voces, entón, do folk e as "protest songs" sesenteiros, mantense suxestiva polo ton coral que arrola docemente coa mensaxe de conto intemporal e feitizeiro achegado ó mito artúrico e ós versos de William Blake, para quitarlle ferro a ruptura dunha relación do cantante escocés cunha noiva.

Donovan cantando a musa e esposa, 55 anos despois da composición de "Legend of a girl child Linda".

A moza, Linda Anne Lawrence, atoupouse anos despois con Donovan e casaron como nos contos de sempre ou os filmes románticos. O cantante chegou a dicir sobre : "Unha noite esperteime nunha habitación de hotel en Suecia con 'Girl Child' case completamente formada na miña cabeza, collín a miña guitarra e comecei a tocala coma se fose un arpa. A canción trataba sobre Linda, por suposto, pero tamén abordaba a perda da inocencia".

Mulleres  pola paz, setembro de 1972. Fotografía:Amy Swerdlow,The University of Chicago Press, 1993.

Volta á versión das musas cantantes e cantadas, pois elas recuperaron unha peza da nacente psicodelia musical para reconvertila ao folk. Así, sinxela, apareceu en son mono na terceira pista da cara A do disco de longa duración de carácter colectivo titulado Save The Children, editado en 1967 pola discográfica "Women Strike For Peace". Sen dúbida un álbum que non perde actualidade pois saíu a rúa grazas ó empeño dunha organización feminina nacida en 1961 para traballar pola paz. 

E que pinta o amor, a nenez, a paz, o folk, a psicodelia, a fábula e Blake, todo misturado, que cada quen saque as súas conclusións, pois ao final todo xúntase en "Legend of a girl child Linda" debido a que a composición de Donovan e a testemuña cantada das tres mulleres concordan para chegar aos corazóns das persoas de diferentes épocas pero coas mesmas liortas cotidiáns.


Comentarios

Publicacións populares