MÁIS ALÁ DO ESPELLO


Wisteria da China

Hai unha confidencia na floresta
coroada de enxames e glicinas.

Será a Morte rito de transición,
canseira da beleza da corola?

Por un vento que derruba columnas
dende os altivos lugares dos cetros,
como encarnan os terríbels arcanxos,
ao gume das ardentes espadas
incendian os secretos como palla,
esnaquizan nosa rebelde imaxe!

Máis alá do espelllo a loita cesa.
Perdido o paraíso é clemencia a baía,
certo areal de Cangas, de Liméns,
confiados como dávida aos ollos.

O home é o remorso dun antigo desexo.
O corazón, espuma. Longos peixes durmidos.

Vida, lesión que nunca cura, que lavamos
de xeonllos, pola beira da auga.

Tempo de ría (1992)
Xohana Torres

Pinturas de Komi Chen e Jessie E Scarvell

Comentarios

Publicacións populares