UNHA CASA DA MÚSICA NA SERRA

FUNDACIÓN LEGAR: unha nova luz na serra 

X. Pérez Mondelo 

Xavier Blanco, músico e luthier, e a súa dona, Martina Ferradás, prenderon o pasado mes de novembro unha nova luz nos altos cumes de Courel. En realidade, un faro que vai deitar o seu resplandor sobre todo o ámbito de Galicia. 

Trátase da inauguración da súa Fundación sobre a música de raíz, onde se gardará a gran colección de instrumentos de música popular que o intérprete e artesán moañés foi recuperando ao longo dos anos. Un tesouro agora ao dispor dos visitantes chegados até a Seara de Courel desde calquera latitude do mundo. 

Un espazo sorprendente, un soño dos nosos protagonistas feito realidade, superador de todas as expectativas, non só polo calidade e a variedade das pezas expostas senón tamén pola rehabilitación impecable dunha vella casa vividora e pola delicada e orixinal disposición do material expositivo. Un espazo aberto a futuras posibilidades de ampliación, chamado a converterse nun foco irradiador de proxectos didácticos e culturais no corazón da serra, dinamizador a un tempo da vida social e económica courelá, tan necesitada de recursos e de intelixencia creativa. 

Toda Galicia debe felicitarse por acoller no seu seo esta Casa da Música. E, en especial, todos os concellos que conforman a redonda da montaña e o val: Folgoso, Seoane, Ribas de Sil, e maiormente Quiroga, concello ao que pertence o pobo da Seara. Un amplo territorio dunha riqueza ambiental e inmaterial extraordinaria. 

Benvida esta nova institución que complementa outras iniciativas únicas da contorna como o Museo Xeolóxico e o Museo Etnográfico de Quiroga e mesmo o seu Museo Literario e artístico ao aire libre. Sen esquecer o Centro de Interpretación da Minería Romana de Ribas de Sil e outras institucións tan relevantes como a Fundación Uxío Novoneyra, en Parada de Moreda, todas elas a desenvolver unha intensa actividade, a mesma que ofrecen outros centros como a Estación Científica de Seoane, dependente da universidade compostelá. Mais volvamos á música porque todo o val e a montaña foron de sempre un ámbito musical vivo e diverso: unha gran escola, un conservatorio popular onde tantos veciños e veciñas, nunha aprendizaxe comunal, se formaron na linguaxe músical. Un patrimonio secular que vai ser recollido e estudado na Fundación, a carón doutras experiencias sonoras tan singulares como o Courel Son de blues e jazz e os seus concertos en plena natureza ou as innovadoras propostas do Festival dos Eidos ou do Patio da Tola, en Vieiros, outro punto de encontro e creatividade, e como as que desde hai anos promove o movemento veciñal de Froxán e o Festival de músicas de Courel na Ferreiría Vella de Seoane. Unha fervenza de músicas de raíz e vangarda que farán do espazo da serra un referente de gran atractivo. 

Por un deses inesperados vieiros da memoria, o día da inauguración, absorto na contemplación de tanta beleza que penduraba das paredes da Fundación, foron aparecendo no maxín, como nunha alborada de ledos músicos, os cegos de outrora, as cantoras da serra, os brindadores das vodas, a orquestra dos Padernes, os Celtas de Paradaseca, a gaiteira Felisa de Bendilló... e tantos outros homes e mulleres de tempos idos que alegraron incansables os días de lecer das nosas xentes. E, de entre todos eles, a presenza viva-z e hospitalaria de Xan de Vilar, e con el a dor pola perda da súa casa, esa outra luz na serra, agora entre as cinzas. Coa súa destrución apagouse unha estrela... mais nace un novo lume, a Fundación Legar, ao abeiro da lagoa da Lucenza e a devesa da Rogueira. O que non pode apagarse é a esperanza, esa sorte de resistencia. 

Grazas Xavier e Martina por esta dádiva de valor incalculable. Tanto amor non foi inútil. 


Autor de todas as fotografías: ©X. Pérez Mondelo.



Comentarios

Publicacións populares