MEMORIAS DE PEDRA

Despois de varias visitas a aldea de Montefurado nace en min a necesidade de plasmar os meus sentimentos nunha cantiga, unha aldea na que teño bos amigos e moi bos recordos. Dóeme vela esmorecer, como as súas rúas se van quedando baleiras, como a vida se apaga entre as pedras que foron testemuñas de tantas historias.

 

RÚAS BALEIRAS

Rúas baleiras, ecos do pasado 
onde os nenos xogaban agora o silencio é o amo,  
non hai risas, non hai cantos 
nin vellos parolando no muro de pedra sentados.     

A fonte murmura no fondo da praza             
coa auga que lembra o que o tempo arrasa 
paredes caídas, outras por caer,                   
memorias de pedra que o tempo quere vencer. 

Mentres a cidade engole vidas e soños          
a aldea perde escola, vellos e mozos              
non queda pedra sobre pedra, só o recordo    
un berro calado no corazón do mundo.            

Mais no corazón de quen ama a Terra                
queda a semente que o tempo non enterra         
un día, quizais, volva o alento                             
e a aldea esperte do seu esquecemento. 


Debuxo e texto de Manuel R. Crespo

Comentarios

Publicacións populares