CHORIMA ABRENTE ROSA

 

(E reparei no baleiro de discurso cando Winton Marsalis desfacía o sonido da trompeta entre sintagmas comúns. A felicidade é mentira.)


Esperando pacientes no papel
os sintagmas por sempre repetidos 
debuxan en contorno
un poema que nunca vos define
pérola ou peonía
chorima abrente rosa
amatista mapoula
topacio margarida
ónice lúa chea
augamarina lúpulo zafiro
dez versos derramados en palabras
que percorren o espazo que miras
tenaz desde os teus ollos infinitos

heptasílabos leves
que en ti procuran guía
sustento
once sílabas no medio do círculo
arredor de incógnitas efémeras
con zume de promesa ou desterro
feliz. 

Estación Sur
Xosé Carlos Caneiro

Comentarios

Publicacións populares