INMORTAL POEMA DE ARTE

O Santo dos croques

Velo alí de xionllos, ó pé do pórtico da Groria da catredal de Santiago, como un ánxel caído, coas maus direitas, cicais pra conquerir o perdón do pecado que  cometeu por lle furtar ó ceo un raio da luz que espalla os seus esprandores por aqueles inmortales ámpitos, pra alcender os limbeiros que arrodean as imaxes daquela creación divina, posta a xeito de milagre no mundo, na dianteira do relembrado tempro que avaricioso garda os restos do fillo do trono, do Apóstol Santiago.

Velo aquí ó maestro Mateo, xenio que concibiu aquela obra, pasmo das pasadas,
presentes e videiras xeraciós.

Inda hoxe o recordo. Pola vez primeira que vin aquela estauta de pedra, sentín
fondas estranías no espritu, e saudades esconsoladoras no corazón. A modestia
do xenio abafoume. El, que concertou aquel pórteco, que animou o rostro
daquelas imaxes, que deu en somellanza movemento as ás daqueles ánxeles, que
fixo lostregar a ispiración nos ollos daqueles Patriarcas, que logrou avivar un subrime idealismo nos corpos daquelas virxes; el, que desempeñou no mundo a misión dun escollido de Dios pra nos amostrar o seu poderío, escolleu o curruncho máis acurrunchado, pra poñer a rúbrica naquel inmortal poema de arte que non por estar escrito en caráuteres de pedra, deixa de resoar no espritu como un concerto de harmunías dos ceos.

¡E nosoutros, vermes afeitos a rastrexar, inda nos estrevemos a soñar coa groria!

A fantesía popular, máis ademiradora e xusta que o artista, si non lembra o seu nome, subrima a súa ispiración cun deses bautismos que solasmentres a eirexa fai cos escollidos. O maestro Mateo é relembrado pobo co nome do Santo dos croques.

Onde el levan levan as nais ós seus fillos pra lle daren un croque contra a estauta
de pedra, cicais maxinande que polo xeito do choque do pedernal co eslabón, lostregarán as chispas do arte nos celebros dos seus neniños ó restregalos con aquel cráneo de pedra, figuranza do privilexiado xenio do maestro Mateo.

Poucas imaxes que recollen os ardentes bicos da devoción cristiana, teñen unha focha máis fonda como a que ten á forza de crocazos o chamado Santo dos croques da catredal de Santiago.

Tolo cobizo! Aquelas restregaduras non surten efeuto, nin os degoros das amantes nais se ven compridos. Inda hoxe non apareceu nos ceos do arte outro lumiñar esprandoroso como o do maestro Mateo.

O Santo dos croques goza dunha gran lembradía, pro non fai o milagre de que veña ó mundo outro que se lle pareza.  


Valentín Lamas Carvajal (1849-1926)

Comentarios

Publicacións populares