MANOEL DE RIBADAIRA E O CUARTETO 'OS CELAS' DE PARADA DE COUREL

 Quiroga, Ribas de Sil e Courel: territorio literario e musical


Manoel de Ribadaira e o Cuarteto 'Os Celas' de Parada de Courel

Monoel de Ribadaira (4º esquerda) co Cuarteto de Parada. Fotografía facilitada pola familia Cela.


Xosé P. Mondelo

Aproveitando o remate do magnífico recital-concerto de Olga Novo e Su Garrido Pombo, durante un dos actos do Festival dos Eidos, na Fundación Uxío Novoneyra en Parada do Courel, acercámonos á casa veciña da familia Cela para saudar á filla de Antonio Cela, un dos membros dun recordado Cuarteto do lugar, e ao seu neto, residentes en Barcelona.

Levabamos tempo en contacto desde a distancia mais nunca nos fora posible  saudalos persoalmente Sabiamos que na súa casa de Parada gardaban  amorosamente os vellos instrumentos do seu tío Manuel Cela, da casa de Ribadaira, o compoñente fundamental do cuarteto musical que tanta festa tiñan animado por toda a contorna nos anos previos á Guerra.

Manuel de Ribadaira era o máis vello dos irmáns e un músico multiinstrumentista. Un gran intérprete de trompeta, saxofón, clarinete e frauta doce. Era a alma dos Celas de Parada, mestre dos seus irmáns e compañeiros de formación aos que lles transmitiu o seu saber musical, un coñecemento que Manuel adquiriu durante a súa estadía en Madrid sendo moi novo, onde recibiu ensinanzas músicais de mestres da Casa de Galicia da capital.

O cuarteto que creou ao seu regreso a Parada estaba integrado polos seus irmáns máis novos, Antonio Macía (bombo e pratos) e Francisco Cela (caixa), aos que adoitaban acompañar outros músicos da montaña cando era mester: Avelino Raposo (trompeta), o Amadeo (bombo) e o Manuel María (gaita), os tres músicos de Mostaz, así como Manuel Álvarez Barraganes, da casa de Pedro de Ferreirós de Abaixo (gaita) e o Olmo de Mercurín (saxo alto) que andando o tempo lle aprendería a linguaxe musical a seu fillo Arsenio (trompeta). Daquela, na montaña nunca faltaron intérpretes para aledar a festa de tantos lugares: os músicos de Miraz, os de Mostaz, de Mercurín e Romeor, de O Carballal... e os inolvidables Os Padernes, a orquestra máis lonxeva e admirada de toda a redonda courelá.

Dicíamos que durante anos animaron os días de lecer de todos os lugares da alta montaña. Mais todo mudou de súpeto co estalido da guerra e, daquela, a música deu en calar e os músicos en deixar de percorrer os nobres carreiros da serra, agardados sempre con ansia polas xentes. E así até a derradeira actuación do Cuarteto, polo Santiago, en Vieiros, o ano 1936.

Nun día en que Manoel, que daquela estaba por cumprir os vintetres anos, veu de permiso do servizo militar, e pouco despois de presenciar un acto político republicano en Savane, foi apresado e logo asasinado no lugar da Teixeira, guindado o seu corpo moribundo nunha foxa fonda, da que posteriomente o resgatou seu pai baixando cunhas cordas, regresando logo co seu fillo en andas, sen vida, polo camiño real até a súa casa en Parada.

    Uxío Novoneyra dedicou uns versos a Manoel de Ribadaira. Fotografía de Xosé P. Mondelo.

Ao modo de pranto lorquiano e dos vellos cantos de cego, este feito salvaxe foi cantado polo seu veciño, o poeta Uxío Novoneyra, nun dos grandes poemas da Literatura da Memoria.

Por toda a serra homes galgando

de noite petan MANOEL CELA chamaron

MANOEL DE RIBADAIRA pros do lado

(...)

din que eran catro os que o pasearon

e que todos iles morreron arrabeados

catro eran son nomes que calo

cómprense niste corenta anos contados

(1976)

Voltando ao inicio, así como fixo o poeta courelao recordando no seu día a figura do noso músico, cincuenta anos despois, nesta mañá de agosto en Parada, puidemos, ao fin, acceder aos vellos instrumentos de Manuel de Ribadaira que permaneceran agochados e custodiados na casa familiar e que tan amablemente nos mostraron a filla e o neto de Antonio Cela, o irmán máis noviño do cuarteto que, con quince anos, aparece na fotografía do grupo co seu bombo e prato. E, non só nos amosaron os instrumentos, senón que tamén nos mostraron unha suxerente fotografía do cuarteto na que aparece Manuel de Ribadaira termando con delicadeza da súa frauta doce coa man esquerda, coa que tan ben se apañaba para tocar, pois a súa man dereita trabáralla un enorme xabarín, deixándolla eivada. Un encontro no que estivo presente en todo momento a lembranza emocionada de Manuel e o relato do seu destino malfadado. 

Os instrumentos de Manoel na súa casa familiar. Fotografía de Xosé P. Mondelo.

O noso agradecemento á familia Cela que tantos anos despois nos permitiu coñecer o rostro verdadeiro de Manoel de Ribadaira e do resto dos membros do Cuarteto de Parada, así como os seus instrumentos musicais, que parecen revivir e recrear co seu brillo е о seu son, tanto tempo silenciado, a vida destes músicos da alta montaña e, en concreto, a do seu membro máis recoñecido, Manuel Cela Macía, Manoel de Ribadaira, o trompetista inocente e mártir de Courel.


[Parada, 29 agosto de 2026]

Comentarios

Publicacións populares