XAN DE VILAR: A CASA EN CHAMAS


A Juan Sánchez Rodríguez, Xan de Vilar, unha luz na serra


“Para o ano que vén
si este baile volven armar
hei volver á romería de Vilar"


X. Pérez Mondelo

Nas viaxes a Caurel, desde Quiroga, en chegando ao alto do Pía Páxaro e vendo o indicador de Vilar non podíamos evitar o desexo de saudar a Xan de Vilar. Virando á esquerda, unha estrada empinada e de difícil tránsito, levábanos até o fondo do lugar, cabo do río Lor, guiados polo seu murmurio, e axiña dabamos coa casa do noso amigo courelao, co reino de Xan.

O pastor dos soutos sempre deixaba a porta aberta aínda que el non estivese na casa. Era o seu un reino sen valados. Podía andar por entre os castiñeiros, demoucando gallas por aquí e acolá, podía estar tornando a auga para unha horta ou un lameiro de seu, bebendo da fonte milagreira da saúde, termando dunhas tellas vellas da capela, tan humilde, camiño das murardellas caídas do castro, mesmo alindando a facenda ou pescando troitas río abaixo... Xan endexamais estaba ocioso, mais sabiamos que en calquera momento, por calquera carreiro imprevisto, asomaría o seu rostro ledo e hospitalario.



Daquela todo era unha descoberta de cada recanto do reino. Da súa man recorriamos o souto, que como nun niño, protexía a casa e o lugar mostrábanos os aparellos e trebellos do seu museo, memoria dun tempo ido, introducíanos na vella fragua onde repousaban penduradas das paredes e das trabes cazolas, tixolas, aixadas, as ferramentas necesarias para a existencia doméstica na alta serra, todas saídas daquela fábrica secular.

Nun momento dado, diante da lareira vella, preguntounos se observabamos algo especial na súa conformación. Ante a nosa negativa indicounos un lateral que estaba rebaixado, sen lousa, diante do escano. "Ese rebaixe fíxeno para meu pai, cando xa tiña os seus aniños, para que puidese arrimar un chisco máis os pés ao lume e poderse quentar a gusto”.



E, recorridas todas as estancias terreas da casa, as que daban ao camiño, onde deixaba os caxatos e as marmeladas para os camiñantes, que el mesmo elaboraba e cuxo pago quedaba á boa vontade do que pasaba, Xan convidábanos a entrar no andar superior da casa, nos seus cuartos familiares. E, sen deixar de bulir, estrando sobre o hule unha copa de augardente de herbas ou outra beberaxe da casa, ía dándonos conta dos rostros de cada unha das persoas que aparecían nos retratos que adornaban as paredes da sala, de todos os instrumentos musicais (cornos, gaitas, acordeóns, bombos, cornetas...) que estaban por baldas, gavetas e cómodas, un universo de lembranzas familiares e da memoría da serra, que Xan acariñaba con delicadeza.

Aquela tarde, como tantas tardes, entre chisca e chisca, sempre inquedo e falador, Xan deu en cantar e recitar coplas, poemas saldos do seu maxín, nos que semellaba que entrasen tamén na intimidade do cuarto todos os paxaros da serra, os lobos e o xabarín, as augas que baixaban polos carrozos desde os tesos, todas as borboletas e as aguias. E así, neste ámbito de confianza, poético-músical, tan fondamente humano, ía caíndo a tarde sobre Vilar. En certo momento, nesa incipiente penumbra, Xan deu esta vez en calar. Durante ese tempo de silencio, absorto, coa ollada perdida cara á fiestra que daba ao souto, parecía perderse nun pensar máis alá dos cumes e da noite.

Ao cabo, virando o rostro cara a nós, como voltando ao mundo real, Xan exclamou: - Ollando o souto, no estado no que está, moito me acorda o alemán de Camelle.

Ficamos pampos con esta asociación inesperada: Xan e Man, Caurel e Camelle, serra e mar, beleza e destrución.

Comprendimos ao instante a súa mágoa: temía que ese souto - en realidade, esa civilización- que el tanto gardara, que tanto protexera rubindo até os curutos dos castiñeiros para os chapodar, onde tantos invernos se agochara das chuvias e das neves nas súas caracochas, todo ese universo vexetal e humano, quedaría orfo da súa man e podrecería, como podreceron os soños de Man cabo do mar. Xa ía tendo os seus anos enriba e non era cousa da andar gabeando polas árbores para as sandar.

Non en van, preguntándolle cal era a cousa que máis lle gustaba de Caurel, non dubidou en contestar:

O máis bonito do Caurel é o souto. Non che hai dous castiñeiros iguais. E ás veces vén dar unha volta o cuco, a cantar...

Este encontro con Xan foi no mes de abril do 2021. Aquela súa ollada sombría e doente sobre o souto e a serra alta, fora unha premonición. A sombra temida había chegar. A súa labarada non había tardar. Sen demora, silandeira, sen misericordia nin perdón, chegou, devastando, un 17 do mes de Santiago do ano 2022.

E todo ficou en chamas, a casa de Xan, O lugar de Vilar, a serra e o val.

Fotografías de Xosé Pérez Mondelo


Comentarios

Publicacións populares