MANUEL CAO: A ARTE DE CONTAR

 Ribas de Sil, Quiroga, Caurel: territorio literario

                                                                         Se queres ser universal fala da túa terra. L. Tolstoi
       O acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia. Xabier P. Docampo

X. Pérez Mondelo

A arte de contar non se aprende nun taller de escritura. É un don da palabra que nos fornece a escola da vida, a comunidade educadora, e cómpre estarmos vivos e atentos pois son infinitas as leccións que nos transmite acotío: un saber secular, unha cultura sólida e anterga, alén de actual, que vai conformando a nosa visión do mundo, a decuberta da realidade social, a nosa historia. Só participando desa cosmovisión, educadándonos nas súas formas de expresión, na fondura e expresividade da súa lingua propia, é como podemos daquela construír un relato revelador da nosa condición humana, dos nosos máis certos alicerces e compartilos con beleza a través da palabra xusta, no ton máis acaído, da maneira máis sutil e amena ao tempo que rigorosa, como ocorre coa lectura deste libro do escritor ribasilense.

Manuel Cao bebeu desa fonte limpa e profunda, nese medio social, adquiriu as súas formas expresivas, as maneiras propias de dicir e de contar. Un coñecemento da tradición oral que concilia e enriquece cun vasto saber académico e formal. E, desa simbiose, nace a singularidade e riqueza da súa obra contística e ensaística e da súa natural oralidade, da súa mestría como fabulador. Todo isto expresado nun rexistro lingüistico que se nos antolla un verdadeiro libro de estilo sobre un uso correcto da nosa lingua. A mellor gramática.

Un exemplo deste saber expresivo, desta súa orixinalidade fabuladora, encontrámolo no seu novo libro: "XXXIII contos e o último gaiteiro". Non entraremos agora nunha análise pormenorizada dos relatos, na caracterización dos personaxes que neles aparecen, tan singulares como ben definidos. Tampouco nos pararemos nos espazos narrativos nos que se moven, ben variados, malia que en grande medida se ambienten na ampla redonda de Ribas de Sil, Quiroga e Caurel, berces do autor. Nin repararemos no tempo histórico no que se desenvolven: un arco temporal que vai desde os primeiros anos do século XIX, coa 'francesada', até ben entrada a segunda metade do pasado século. O que si queremos salientar é a maneira tan eficaz de Manuel Cao para adentrarnos na historia de noso e de Galicia, e descubrirnos a través do relato un pasado relativamente recente, mais en gran medida xa esquecido. O relato como mecanismo de aprendizaxe histórica e de iluminación da realidade social e a vida cotiá do noso pobo no contexto do devir da propia historia universal. Un pano de fondo histórico, social, político e mesmo antropolóxico, no que habitan os personaxes e que condiciona a súa existencia, mais que en ningún momento afoga a altura poética dos relatos, a súa categoría literaria, o pracer da lectura. Todos eles tinguidos dun humor indulxente, diriamos que cervantino, por tolerante coa condición humana, e na mellor tradición oral e literaria galega, de Castelao a Fole, mais tamén directo contra a inxustiza e as violacións da dignidade das persoas. Especialmente, dos máis carenciados e indefensos.

Só eso procuramos: saudar a aparición do novo libro de Manuel Cao Rodríguez. Canta historia, cantas vidas, cantos contos tan ben contados! 


Imaxes: Manuel Cao. Fotografía de C.J.G. El Progreso.
Portada do libro  "XXXIII contos e o último gaiteiro".
San Clodio-Ribas de Sil. Fotografía de X. Pérez Mondelo.


Comentarios

Publicacións populares