TODO OLLOS


Cando era moi neno e empezaba a ir á escola, no estudo do meu pai, ante deberes que nunca facía, empecei a diferenciar unha clase de escritura doutra, unha clase de bondade, unha clase de maldade. A miña primeira e maior liberdade foi a de poder ler de todo e calquera cousa que quixese.

Lía indiscriminadamente, todo ollos. Non soñara que no mundo encerrado dentro das tapas dos libros puidesen ocorrer cousas semellantes e tamén tanta charlatanería, tales tormentas de area e tales refachos xeados de palabras, tales lategazos á charlatanería, unha paz tan bambeante, unha risa tan enorme, tantas e tan brillantes luces enriquecedoras que se abrían paso a través dos sentidos recentemente espertos e se diseminaban por todas as páxinas nun millón de cachizas e anacos que eran todos palabras, palabras, palabras, cada unha das cales estaba viva para sempre na súa propia delicia, gloria, rareza e luz. 

(Debo tratar de que estas notas supostamente útiles non sexan tan confusas como os meus poemas). Escribín infinitas imitacións, aínda que non as consideraba imitacións senón máis ben cousas marabillosamente orixinais, como ovos postos por tigres. Eran imitacións do que estivese a ler nese momento: Thomas Browne, de Quincey, Henry Newbolt, as Baladas, Blake, a baroa Orczy, Marlowe, Chums, os imaxinistas, a Biblia, Poe, Keats, Lawrence, os anónimos e Shakespeare. Como ve, un conxunto variado e que recordo ao azar. A miña man inexperta ensaiou todas as formas poéticas.

Dylan Thomas
Pintura de Eastman Johnson

Comentarios

Publicacións populares