Día Mundial do Medio Ambiente

A xornada de hoxe, 5 de xuño, é o Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra este ano co lema Acabar coa adicción: para unha economía de baixo consumo de carbono, que se redactou como unha chamada a países, empresas e comunidades para que se esforcen e traballen arreo en reducir as emisións de efecto invernadoiro. A dependencia da enerxía baseada no carbono produciu unha acumulación considerable de gases de efecto invernadoiro na atmosfera. Desde diferentes ámbitos advertiuse que o planeta Terra é vítima dunha grave adicción ao carbono que nos fai negar verdades importantes e non nos permite ver as consecuencias dos nosos actos.
Afírmase xa que o troco climático é unha realidade e que foi causado polas emisións de dióxido de carbono e outros gases de efecto invernadoiro. A sistemática estornela de bosques é tamén a causa deste efecto invernadoiro. Non se trata soamente da demanda de madeira e papel, senón tamén da presión por máis terras de cultivo, que vai facendo desaparecer, cada ano, unha porcentaxe importante de masa boscosa, sobre todo en países en vías de desenvolvemento.
A crecente demanda de biocombustibles xera, ademais, en varios lugares do planeta unha ameaza para os bosques, o que impide que absorban o carbono da atmosfera, un dos tantos servizos ambientais que estes brindan e que non se contemplan como perdas ao momento de cuantificar o valor dun bosque.
O Informe de Avaliación dos Ecosistemas do Milenio sinala que, ao examinar os valores económicos -comercializados e non comercializados- relativos aos bosques, constátase que a madeira e a leña orixinan, polo xeral, menos dun tercio do valor económico total dos bosques de cada país, mentres que outros valores, como as actividades recreativas, a protección de cuncas e a captura de carbono, poden xustificar ata un 96% do valor económico total deses bosques. Esta carencia determina que no cálculo do produto bruto interno (PBI) -definido como a corrente de bens e servizos que se produce durante un ano- a madeira dun bosque talado compútese como un aumento e que nada se diga acerca dos servizos que se extinguen como consecuencia dela. Así, a desaparición de funcións clave para o noso benestar non é percibida pola sociedade, aínda cando sexa a mesma sociedade a que deba afrontar esas perdas, de modo directo, con menor calidade de vida e, de modo indirecto, a través da necesidade de financiar obras de infraestrutura para evitar inundacións.
En Galicia a destrucción de miles de hectáreas segue sendo unha desgraciada constante nas catro provincias. É certo que se están desenvolvendo novas tecnoloxías para lograr que o noso consumo de combustibles baseados no carbono resulte menos contaminante e máis eficiente. Non menos certo é que tamén se están desenvolvendo novos proxectos para aproveitar enerxías renovables, máis limpas. Pero sen dúbida o cambio climático está poñendo en tela de xuízo o noso estilo de vida e éstános forzando a modificar o noso comportamento e a nosa relación co planeta.
Non hai que esquecer que tamén é de obrigado cumprimento que os países ricos axuden aos pobres. Os primeiros teñen unhas leis proteccionistas dos seus bens e recursos, mediante aranceis de importación, que impiden o desenvolvemento dos países pobres, a vez que fan un forte control dos prezos dos productos de primeira necesidade, nos que os países menos desenvoltos poden ser competitivos. A tansferencia tecnolóxica débese dar en todos os eidos. Os países pobres teñen que desenrolarse con tecnoloxía actual, para que non se produzan problemas de medio ambiente e crise humanas. Nese senso hai que lembrar que moitos países pobres teñen serias dificultades para crear medicamentos xenéricos que melloren as condicións de vida de millóns de persoas afectadas por pandemias como, por exempla, o sida. Hai que evitar as periódicas hambrunas, coas súas secuelas, que producen millóns de mortos século tras século. Xa é hora de facer fronte a un problema solucionable que se produce na nosa Terra, a de todos, que só hai unha.
l
l
As imaxes de enriba, de Emilio Blanco e miña reais e sen aditivos, poden quedar así so como fotografías si se cumpren as peores previsión sobre o cambio climático.

Comentarios

Publicacións populares