Dos vellos non convén esquecerse

As publicacións periódicas, para iso están, cada certo tempo anuncian a bombo e prato a presenza de mozos valores, neste caso, da narrativa. Pero un que por natureza é deconfiado foxe de clasificacións interesadas, porque a colleita hai que esperar a que cumpra o seu ciclo. Ao final, da queima sálvanse moi poucos ou poucas. Non é estraño, pois, que lembre que dos vellos non hai que esquecerse. Isto non quere dicir que un percorra os seus días a bordo da efemística terceira idade, ca! Eu tamén fun mozo, divertido e lector empedernido de todo o que caía nas miñas mans. As tres clasificacións antes mencionadas cúmproas na actualidade, sobre todo a primeira, porque me seguen gustando case as mesmas cousas que cando tiña 18 anos. Penso que a idade vai é máis un estado psicolóxico, craro menos para determinadas cousas do físico. Outro día xa faleremos doutras lerias, como o sexo, un tabú no caso dos vellos.

Quen, sen embargo, non comulgan co vello parece ser que son os da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Segundo o semanal A Nosa Terra, suprímese en bacharelato a materia de Literatura galega do século XX, magoa, magüiña, magoa, porque os alumnos non van ter a posibilidade de coñecer, mellor é dicir ler, as obras de, por exemplo, Manuel Antonio, Luis Amado Carballo, Ánxel Fole, Rafael Dieste, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor... A lista é moi longa, tamén hai mulleres: Francisca Herrera, Dora e Pura Vázquez, Xohana Torres, María Xosé Queizán, Pilar Pallarés, Teresa Moure… Bo, de acordo que é unha inxustiza, pero sempre queda a escusa de que nun mundo de números e economía as letras son mariconadas que non serven para nada. Antes pasou o mesmo co latín, unha lingua morta e de curas preconciliares.


De tódolos xeitos, un non estudou a Literatura antes mencionada, pero coñece moi ben por onde van os títulos e os argumentos desa longa lista que non me aboandona xamáis, e á que volvo con gusto moitas veces. Mentres eses mozos lumbreiras que se van comer o mundo, polo que a min atinxe, poden esperar, incluso algún/a non os visitarei nunca. Ao final un non é de cebola. Tamén me pasou con algúns deses vellos dos que non convén esquecerse. Para mostra un botón: nunca se me ocorreu ler o Ulises, de Joyce, nin creo que nunca o vou ler.


Como di unha canción, a vida é moi curta. Aínda que tivese un século por diante non podería ler todas as obras que me poden interesar. Non son un pasota, simplemente aplícome a máxima práctica que seguramente, por outros xuros, anima a aqueles/as da Xunta a suprimir a Literatura galega do século XX. Hai outras vidas, e non todo está nos libros.


Forografía: Lectura con interés
José Antonio Vicente (Coria)
III Certámen Fotográfico: El placer de leer. Salamanca 1996.


Insisto, un non é de cebola, e gañoume o texto que acompañaba á fotografía. Quen di que os catálogos non serven para nada?


Unha praza é un lugar de encontros, non un decorado máis ou menos monumental ou pintoresco. Ao bullicio da praza acoden os solitarios que confían nos celestineos do azar apra deixar de selo; a praza evítana os que teñen présa, os que antepoñen ao seu ocio negocio. Á praza van os que saben que perder o tempo é, con frecuencia, a mellor forma de gañalo.


Revista Clarín

Comentarios

Publicacións populares