Máis imaxes
Outra vez, grazas ao seu fillo Pablo, volve a este espazo unha fotografía de Antonio Vidal. Nesta ocasión, desde a outra beira do Sil, alá polos comezos da década de 1950, unha vista da vila de Sequeiros cando irremisiblemente camiñaba cara á decadencia en que se viu sumido durante toda a segunda metade do século XX para encarar o seguinte milenio coa ameaza da espada de Damócles da desaparición física. Aínda pasaron varios anos de resistencia, o que aquí escribe dá fe diso, para que non se perdesen segas, mallas, vendimas, regas e outras actividades propias dun pobo labrego, no que os maiores aguantaron ata que o paso do tempo borrou as súas vidas anónimas. Nin romanos, nin suevos, nin mouros, nin franceses, nin a guerra do 36 puideron con aquela forma de entender a existencia. O que durante séculos asentárase en poucas décadas quedou eliminado pola modernidade, unha modernidade mal entendida que se cebou sobre paisaxes e paisanaxes grazas ao arma do desenvolvemento salvaxe e sen escrúpulos. De seguro que Antonio Vidal intuía esa inxustiza, por iso preocupouse de deixar constancia daquilo, como ese pobo pendurado dun barranco captado en branco e negro.
l
l
Continuará...
Comentarios