Un dos ritos que máis se repiten en toda Galicia é o seguinte, que xa temos anunciado como rito central e fundamental destas festas.
Nun ou noutro dos días clásicos, sempre antes do Domingo de Entroido, fan un boneco ou monifafe de palla do grandor dun home, vestido asegún lles peta, e que dura deica o Martes, día en que, a tardiña, mátano e quéimano. Todo o simbolismo do Carnaval, ben sexa como final dun ciclo cósmico representado no ano, ben dun ciclo vexetativo, ben cun senso histórico-social conexionado con calquera dos dous ciclos ou cos dous a un tempo, semella estar neste sacrificio dunha sorte de "Rei das Saturnales", festa posiblemente importada en Roma doutras terras europeas, cecais pasando por algún dos pobos da Italia primitiva.
Ás veces, estes monifates son dous: macho e femia, e un e outro seguen a mesma sorte.
O máis común é pór o Entroido ou Meco no campo da festa, no alto dun pao ou atado a unha árbore. Din que esto se fai para "anunciar o Entroido", ou sinxelamente, "para se divertir", por terse perdido, quen sabe canto tempo fará, o significado do acto.
Etnografía
Vicente Risco (1884-1963)
Fotografía dun meco no Entroido de San Clodio-Ribas de Sil (Lugo), Sam Rock
Comentarios