Tareixa

O ceo estaba sereno; pero o ceo que cobre aqueles tristes paisaxes non é dese azul tranquilo en que a alma se espacia cando nosa mirada alzase ata el, porque se alí hai días de sol e de calma, é unha calma inqueda e desacougante na cal non se respira con liberdade, pois aquel mar de tornasoles sombríos comunica á mesma atmosfera seus turbados e glaciais bafos. 

A néboa densa e dun cheiro acre, que dela se ergue á hora en que sae o sol, apaga as fermosas tintas da mañá e cobre como un sudario aquela espida terra que semella unha tumba. 

Alí non se escoita máis que o asubío do vento e dunhas olas sempre en loita e que ameazan tragar os pobiños que se estenden á beira, como abandonados despoxos de quen ninguén se coida. 

Algúns hortos, guarecidos por elevados valos, conservan a duras penas plantas raquíticas e agostadas polos remiños de area que se erguen coa tempestade e as esmagan baixo o seu peso. 

Un vento forte e continuo que vén do mar arrinca ás veces, como árbores que racha o furacán, as pobres choupanas dos mariñeiros deixándoos expostos á inclemencia das estacións, e, non obstante, os fillos daquelas ribeiras abandonadas e tristes aman o seu país, moito máis que os que viven nesas fértiles e risoñas campiñas dos climas do mediodía, a quen regala a natureza con canto ten de máis fermoso. 

Eles aman as súas choupanas arruinadas, as súas lanchas sucias e co cheiro da brea e as súas redes, que eles mesmos fan e ven avellentar, doces tesouros que non abandonarían por todas as belezas da terra. Naqueles desertos arenais pasan a maior parte da súa vida, e acostumados ao seu silencio e a súa bravura afástanse de toda outra existencia, como foxe o cervo ao escoitar os sons do corno de caza que o sorprende en medio do bosque.

A filla do mar (1859)
Rosalía de Castro


Nota: Rosalía de Castro escribiu La hija del mar, que me tomei a liberdade de trascribir ao meu galego. Como filla do seu tempo, a escritora galega adscríbise nesa novela ao tardío romanticismo tan en boga toda a península ibérica, unha actitude cara a vida máis que unha moda pasaxeira na moza nada en Compostela, pois moitos escritores consideraban que as mulleres no eran aptas para o estudo das artes, as ciencias e a literatura, e menos para artellar novelas, aínda que Rosalía destaca pola súa lírica.

Fotografía de Sam Rock

Comentarios

Publicacións populares