MÚSICA TRADICIONAL DE QUIROGA

 De Colomán González a Os Novos da Ermida e O Recanto


Quiroga, Ribas de Sil e Courel: territorio musical



Colomán González

X. Pérez Mondelo

Colomán González é un referente para os novos músicos quirogueses xurdidos a partir dos anos oitenta, entre os que salientan dúas formacións: Os Novos da Ermida e o actual grupo de gaitas O Recanto, tres xeracións de instrumentistas que á súa vez son debedores da fértil herdanza de solistas e agrupacións de preguerra e posguerra como Felisa de Bendilló, Os Celtas de Paradaseca, os
Gaiteiros dos Novais, O Penelo da Pousabella, o Terratrás de Torbeo... ou a máis reclamada e célebre orquestra de toda a redonda do val e a montaña: Os Padernes de Courel.

Mais vai ser Colomán da Ermida o que deite na comunidade quiroguesa a semente de tan vizosa árbore sonora. Un gaiteiro que, á súa vez, bebe das fontes doutro vello gaiteiro do lugar: o señor Bautista López, dous músicos que están na base do actual florecemento do movemento musical quirogués, no tocante á música tradicional.

Colomán era de familia amante da música pois xa seu pai tocaba o acordeón e súa nai era unha excelente cantora. El comezou a tocar de moi novo a caixa cabo duns compañeiros de Santa Cubicia e Campos de Vila, mais ha ser durante o servizo militar en Ferrol onde se integre na banda do cuartel, a tocar o tambor. E será durante a estadía na cidade ferrolá cando merque o seu primeiro punteiro para a partir de entón, de xeito autodidacta e perseverante, irse convertendo nun mestre gaiteiro.

Van ser dous os escenarios preferidos para as súas actuacións: a súa propia cantina, un verdadeiro centro de lecer, de música e canto, un punto de encontro musical da mocidade do pobo e lugares veciños e, doutra banda, durante as festas da Virxe dos Remedios da Ermida, unha das romarías máis concorridas e de sona de toda a redonda xunto á do San Xoán das Farrapas de Bendilló, onde tantas veces tocara Felisa Vidal, a mítica gaiteira destas terras.

O día grande non podía faltar a presencia do noso gaiteiro presidindo a procesión, cabo do Meco e as Pampórnigas, personaxes lendarias que encabezan a comitiva que vai arrodeando o pobo até a capela ao son da Danza da Ermida, unha marcha procesional cuxa orixe se perde no tempo. Este é o momento de máis alto valor simbólico e identitario do pobo: a presenza de Meco e Pampórnigas bailando cadenciosamente ao compás da música do gaiteiro para, en chegando á porta da capela, retirárense estes e deixan paso á Virxe e ao resto dos fieis, dando así comezo o culto, expresión dunha emocionada relixiosidade, desta vez nunha solemne misa cantada.


A Ermida é un lugar cun gran sentido de pertenza. Cando o vello Bautista deixou de tocar, non podía calar a música, ficar a procesión sen gaiteiro nin danza. Así que, reunidos os veciños en concello, nun acto de solidaridade comunal, acordaron mercar unha gaita, unha caixa e un bombo, pedindo á escote polas casa. E foi daquela que Colomán González se fixo de vez o gaiteiro maior e non deixou até o día de hoxe de interpretar a Marcha procesional ou Danza da Ermida: cada oito de setembro, Meco e Pampórnigas, a danzar ao son das gaitas, dos bombos e os tamborís, nun ritual sonoro, simbiose de festa e culto, a un tempo profano e sagrado, de fonda raíz.

Pola aquela altura, xa entrados na década dos anos setenta, Colomán González vai formar un trío con outros dous veciños: Julio, o Temblón, ao bombo e Antonio Cobo, o Toupo, na caixa, cos que tocaría por distintos lugares da redonda, moita música tradicional mais tamen música moderna adaptada para gaita, cancións de moda naquela altura, como Adelita, A saia da Carolina… Un trío que se consolidaría máis tarde coa achega de Vicente de San Vitoiro ao bombo e Antonio Montenegro, o Bogas, á caixa, cos que tocaría durante uns dous anos para, xa rematada a década, se transformar en quinteto, de tres gaitas, Colomán González, Juan Antonio de Eiriz e José González (Kolo) fillo de Colomán, caixa Antonio Montenegro e bombo Arturo González da casa dos Mecos, no canto Vicente Rodríguez.


Os Novos da Ermida

A este quinteto vanse incorporar xa a primeiros dos oitenta novísimos membros: Mateo (gaita), Víctor Soto (gaita), e Samuel Soto (bombo), que con só dez anos comezaba a súa andaina musical, tan noviño que non podendo co instrumento cargábanlle con el os compañeiros. Xorde daquela unha nova formación, continuadora dos vellos mestres e mesmo pioneira da actual música tradicional quiroguesa, Os Novos da Ermida, que durante toda esta década foron reclamados en múltiples lugares da contorna de Quiroga, Ribas de Sil, Valdeorras e Viana, non parando de tocar durante todo o período estival.




Unha formación que durou até finais dos anos oitenta, pola que pasaron moitos intérpretes e que cara o final estaba conformada por Antonio Montenegro (tamboril), Samuel Soto, (bombo), e Vitor Soto, Mateo e José González, Kolo, (gaita). Uns músicos que, a día de hoxe, pasado o tempo, non deixan
perder unha ocasión para se reencontrar, animando de novo a vida musical quiroguesa, presentes alí onde os precisaren para tocar unha alborada, nunha procesión ou en calquera outro encontro festivo.


O Recanto

Así é como se foron tecendo os fíos deste tapiz musical, que se completaría coa aparición da derradeira gran formación musical quiroguesa, O Recanto, unha terceira xeración de instrumentistas que hoxe enchen de sons e canto as rúas da vila e os campos de festa dos lugares todos do arredor.

Naquela altura, a primeiros dos anos noventa, xa se creara na vila unha Banda de Gaitas, nun momento de rexurdir da nosa cultura tradicional, como había ocorrer na veciña Ribas de Sil, outro lugar eminentemente músical, un feito que abría novos espazos e posibilidades de formación para a mocidade do val.

Vai ser nesta nova escola onde se formen Edelmiro González e Roberto Alvárez, dous dos fundadores da agrupacion O Recanto. Edelmiro, Miro, xa viña ensaiando cos compoñentes de Os Novos da Ermida e será coa creación deste novo grupo como se renove e consolidará a liña de continuidade que ten os seus alicerces nas figuras dos vellos mestres gaiteiros do lugar. A estas dúas pedras angulares do novo proxecto uniranse Julio, o Relámpago, ao bombo e o Rivas de Pacios da serra, na caixa.


O Recanto, como toda formación, está suxeita a unha continua metamorfose, a partir dunha base estable, estando a formación neste momento conformada por Roberto e Miro, na gaita, Toñín de Santa Eufemia, ao bombo, Fernando Mondelo, de Bendollo, acordeón e gaita, Xermán, O Chino de Vilañán, gaita, e o Petís, da estirpe musical dos Estévez de Parteme, no tamboril.

Mais a comunidade musical do Recanto vai seguir medrando e, á parte das súas actuacións como grupo tradicional, vai abrirse á participación na novidosa e festiva proposta dos Cantos de Taberna, ao xeito doutras formacións galegas, creando un Orfeón, sumando novas voces e instrumentistas, entre os que están moitos dos antigos integrantes dos Novos da Ermida para conformar, nunha volta da espiral, un movemento músical expansivo e versátil que está a pór a Quiroga no mapa da música tradicional galega.

Un río musical cada día máis caudaloso na medida en que unha nova fornada de rapaces cunha gran formación -da estirpe de Colomán González, dos Novos, do Recanto e doutras liñaxes musicais quiroguesas- están xa a participar desta corrente aberta e plural, un manancial de músicas ao que hai que sumar o labor histórico de formacións como A Coral Polifónica da vila e a Banda de Gaitas.

 Sen dúbida, un momento de esplendor.


Anexos



Fotografías:

1. Colomán González na homenaxe como gaiteiro da Ermida en 2014.

2. O Meco, as Pampórnigas e o gaiteiro Bautista López, no espazo exterior da capela da Ermida, no ano 1958. Fotografía de Carlos Díaz Gallego.

3. Os Novos da Ermida. De esquerda a dereita: José (Kolo). Antonio Bogas, Mateo e Víctor Soto. 
Alborada na Ermida en 1983.

4. Festas de Quiroga de 1984. Juan -Charli- (gaita), Arturo -Turito- (bombo), José -Kolo (gaita) e Antonio -Bogas- (caixa).

5. Festas de Campos de Vila de 1986. Samuel Soto (bombo), José -Kolo (gaita). Víctor Soto (gaita), Mateo (gaita) e Antonio -Bogas- (tamboril).

6. Festa da Ermida de 2023. Mateo (acordeón), Pablo (tamboril), Roberto -Rato- (gaita), Miro (gaita), José Luís (gaita), Víctor Soto (gaita), Mario (acordeón), Mariví (pandeireta), Paula (pandeireta), Carmiña (pandeireta), Armando (tamboril), Antonio -Bogas- (tamboril), José -Kolo- (gaita e  Enrique -Quique- (pandeiro).

7. O Recanto tocando polas prazas e rúas de Quiroga. Fotografía: X. Pérez Mondelo.

8. O Recanto en Cantos de Taberna, en Seadur, 2023. Fernando Mondelo (acordeón), José -Kolo- (peitoque e voz), Antonio -Bogas- (pandeiro), Roberto -Rato- (gaita), Armando (bombo), Chucho (voz), Edelmiro -Miro- (peitoque e voz), Germán -Chiño- (gaita e pandereta), José Ramón -Rodri- (peitoque e voz), Enrique -Quique- (pandeiro e voz), Antonio -Petis- (guitarra) e José -Rivas- (tamboril).

9. Alborada en Soldón da Seara, 2023. Fernando Mondelo (acordeón), José -Kolo- (pandeiro e voz), Roberto -Rato- (gaita), Armando (tamboril), Edelmiro -Miro- (peitoque e voz), Vanesa (bombo e voz), Antonio -Petis- (gaita), Mario (guitarra) e Toñín (pandereta).

10. Partitura da Danza da Ermida, recollida por Xosé Lois Foxo en Cancioneiro Antropolóxico. Quiroga, Ribas do Sil e montañas do Lor.


* Fonte: Colomán e José González.
* Fotografías cedidas por cortesía de José González, Kolo.


Vídeos

1. © Carlos Díaz Gallego.

2. © Televisón Municipal de Quiroga

Comentarios

ManuelRcrespo dixo…
Moi interesante traballo. Grazas.

Publicacións populares