AS PRIMEIRAS MOZAS GAITEIRAS


As primeiras mozas gaiteiras



Has de cantar,
meniña gaiteira
(Rosalía de Castro)


X. Pérez Mondelo
O primeiro terzo do século pasado foi un período no que as artes musicais, en calquera das súas manifestacións e a través dos diversos tipos de agrupacións vocais e instrumentais, van experimentar un gran desenvolvemento. Sen entrar agora nas súas formas cultas –se é que debemos facer estas diferenciacións tan tallantes–, no tocante á música popular vai ser un momento de esplendor, en canto van xurdir ao longo do país innumerables solistas e grupos de música tradicional, hoxe clásicos -continuadores dos vellos gaiteiros de outrora que cantaran Xoán Manuel Pintos, Curros Enríquez e Rosalía-, como Xan Míguez, o de Ventosela, Os Trintas de Trives ou os de Soutelo de Montes, e así unha longuísima reste de grandes intérpretes dos que temos hoxe cumprida memoria. E tantos outros que quedaron no ámbito máis recollido dos seus lugares de orixe, na lembranza cálida da súa veciñanza.

Porén, hai un feito que chama a atención. Nese momento de afirmación cultural, de pensamento e sentimento identitarios, de clima de esperanza e progreso social –sen esquecermos que o país estaba a sufrir un grave drama migratorio–, de abertos espazos de lecer e convivio, vemos emerxer tamén a presenza da muller como instrumentista e protagonista na vida social e festiva. E así como noutros ámbitos se está a recoñecer o seu protagonismo, a descubrir a súa presenza activa, o mesmo está a pasar no campo musical, no que a muller instrumentista, en concreto a muller gaiteira, sería unha figura destacada. E isto, fundamentalmente no ámbito vilego e rural, mais seguramente tamén no urbano. Curiosamente, un dos barrios máis singulares de A Coruña denomínase A Gaiteira, un topónimo de orixe incerta e, en calquera caso, ben suxerente, ao acabar por cristalizar no imaxinario da cidade como evocación dunha figura mítica, unha sorte de heroína a aledar as horas de festa polos agros da redonda.






Temos falado de Felisa Vidal Nogueira, a gaiteira de Bendilló, e de Carmen Parada Pombo, que coas súas irmás creara o grupo das Gaiteiras de Ferreiros, en Brollón. Mais agora, a través do traballo inicial da musicóloga Sonsoles Hernández Barbosa, e mais do posterior estudo de Milagros Bará Viñas no Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega, estamos a saber doutra rapaza, María Áurea Rodríguez Rodríguez, coñecida como a Raíña da Gaita Galega, alma do grupo de música tradicional Os Maravillas de Cartelle, un quinteto de dúas gaitas, requinto, tambor e bombo que formou cos seus irmáns, que máis tarde mudaría en cuarteto. Unha gaiteira que, á fronte do grupo, actuou en múltiples festas da contorna ourensá e de Galicia enteira, mesmo por distintos lugares da península e en países do continente americano, como Arxentina e Venezuela.


Outras destacadas intérpretes deste primeiro terzo do século foron As Gaiteiras de Maside, as irmás Angelina e Rosa Zarza Fernández, un cuarteto histórico posteriormente coñecido como Os Celtas de Maside, no que tocaba o seu irmán Aníbal e o seu pai Cesáreo, mentor do grupo. Sabemos polo cronista masidao Xosé Ricardo Rodríguez que foi o pai das rapaciñas, clarinetista na banda de música da vila, o que espertou o gusto das fillas pola música. Unha familia, os Zarzas, de músicos e silleiros, un oficio este no que tantos masidaos destacaron como meritorios artesáns na arte de facer sillas e co que percorreron as grandes feiras de Galicia.

Todas estas mozas gaiteiras, que son dun tempo, deixaron de tocar polos anos trinta, mesmo actuando algunha delas até ben entrada a década seguinte. Quizais o estalido da Guerra, se cadra motivos íntimos ou familiares, fosen os que deron cabo a súa andaina artística.



Houbo que agardar aos anos sesenta do pasado século para ir dando carta de naturalidade a esta presenza feminina e, neste senso, salienta a creación do Grupo Saudade, Meniñas de Saudade, de Ribadeo, a primeira agrupación exclusiva de mulleres gaiteiras, todo un acontecemento social e un fito para a historia da nosa música. Foran os seus mentores e mecenas os irmáns Luís e Amando Suárez Couto, xunto con Primitivo Díaz, o gran gaiteiro da Mariña, que foi o mestre das meniñas. Serán ademais os promotores do monumento que o escultor Antonio Faílde labrou en pedra na atalaia de Santa Cruz na honra da figura do Gaiteiro Galego, en cuxo lateral o artista ourensán tamén incluíu un pequeno grupo escultórico no que aparece representada unha muller coa gaita. Unha escultura monumental en parte sufragada cunha pintura de Amando Suárez na que o pintor ribadense rende homenaxe ás gaiteiras de Ribadeo, motivo único do cadro. Pintura e escultura, un xesto de gratitude e unha forma de inmortalidade.

Esta liña de continuidade musical, feble no tempo mais nunca fanada, é unha mostra da presenza da muller como instrumentista de gaita, alén da súa histórica participación no canto e na danza ou ben como intérprete doutros moitos instrumentos tradicionais. Hoxe as cousas non teñen nada a ver co tempo no que estas pioneiras desenvolveron a súa arte, mais tampouco podíamos entender o esplendor actual da nosa música sen a paixón e resistencia destas mozas gaiteiras de outrora.

Imaxes por cortesía de X. Pérez Mondelo:

1. Felisa de Bendilló 

2. Carmen de Parada (dereita, cos seus irmáns: Arturo e Consolo)

3. Anuncio do xornal El Progreso, de Lugo, e fotografía de María Áurea Rodríguez

4. As Gaiteiras de Maside (irmás Angelina e Rosa Zarza Fernández)

5. Cadro As Meniñas de Saudade, de Amando Suárez Couto

6. Pormenor do Monumento ao gaiteiro galego, de Antonio Faílde, en Ribadeo (Lugo)



Comentarios

Publicacións populares