CANDO O VERÁN PERCURA UNHA CERTEZA

Escuro designio

Un río unha conciencia
un lugar imprevisto
onde pasan os intres as verbas iniciais figuras transitorias,
ondas deshabitadas.
Unha casa de pedra acordada na chuvia,
un hálito de lilas...

Aquí nacín
cando o verán percura unha certeza
no ritmo dos espacios.
Estou escrita nesta luz pensada
nesta limpa memoria
nesta liñá sen sombra que decide a existencia.
(Mesmo un mar cercado a identidade miña).

Aquí nacín
Presenciei un destino de sucesivos prantos
de razóns moduladas
unha noite habitada por escuros designios
na historia dunha terra...

Como un presentimento de verbas desterradas
soupen que volvería.
Había lindes rigorosas penumbra lousas cifras
curvas esnaquizadas.
Un bosque consagrado. Unha fonte sin patria.

Atopei o camiño
onde a mañá concentra o primeiro vestixio
as madeiras unánimes
as pegadas espidas na lisura do tempo
para vagar en calma.
Códice Calixtino
Luz Pozo Garza
Fotografías de © Sam Rock

Comentarios

Publicacións populares