MUNDOLOIS

 
Letras Galegas 2011



  

MundoLois

MUNDOLOIS xorde da idea de Antón Reixa, amigo do autor Lois Pereiro, a quen este ano 2011 se lle adica o día das Letras Galegas, de elaborar un espectáculo escénico cun importante peso audiovisual que universalice, non só a través da palabra senón tamén da imaxe, a obra poética de Lois.
Lois Pereiro deixou un legado poético cunha linguaxe moi concreta, á vez moi visual, un universo de imaxes a través dos seus versos, a súa maneira de se enfrontar a medios, ilusións, ideas e paisaxes vitais que foi pouco a pouco percorrendo ata o momento da súa morte.
Unha linguaxe fresca e nova que temos o obxectivo de transmitir ao público máis novo, aquel que non se achega de por si mesmo á poesía pero que pretendemos chegue a percibir un certo grado de paralelismo entre todas as ideas que Lois agachaba nas súas palabras cun mundo actual que, por momentos, tamén hoxe, nos engule día a día.
O feito de que o ano das Letras Galegas 2011 estea adicado a un escritor tan próximo no tempo e que traballou en claves moi elaboradas da escrita de avangarda e da cultura popular xuvenil supón unha oportunidade singular para interesar pola cultura de expresión galega a novos públicos. Lois Pereiro non só edificou unha obra poética en sintonía cos códigos máis modernos, senón tamén (e xeneracionalmente) subsume na súa propia obra e figura unha ampla rede de conexións e referencias coa música, o cinema e as artes plásticas.
Co fio condutor da súa propia escrita, na voz dun actor, unha actriz e unha ambiciosa escenografía audiovisual que se apoiará nunha intensa e constante banda sonora, MUNDOLOIS pretende suministrar a calquera espectador profano no coñecemento de Lois Pereiro unha visión fonda, sedutora e interdisciplinar da súa personalidade artística.

“A voz poética de Lois Pereiro é a dun home amarrado ao norai da vida como un mariñeiro de Jack London. Un licor que cando se degusta xa non se pode abandonar e que nos acompañará, como unha única sombra ata o final. A palabra dun poeta que cruzou as selvas de Indonesia na compaña de Conrad, despois de sobrevivir a un tifón no Mar da China.

Isto é o que vos propoñemos co noso espectáculo: un paseo descarnado, espido e comprometido coa obra de Lois Pereiro. Un achegamento para todos, criado por uns poucos. Aqueles que o amamos, devoramos e honramos”.






Fotografías en color de Roque Soto


http://mundolois.gl/

Comentarios

Publicacións populares