Día das Letras Galegas
Rústicas nais
Na cruz dos vosos corpos dobradizos
sobre os agros de pan
as raíces do barro floreceron.
Sangue o centeo foi,
o millo
carne,
enfornados
ao longo dos invernos
entre leira
e lareira.
Só pola lei dos glóbulos que escoan
de vedrañas
nacentes
a se xuntar
na vosa ánfora salva,
aínda Galiza
escoita o seu latexo,
as súas
cores loce
sen adobíos
emprestados,
no viveiro
dos pobos en promesa,
como roseira
que mantén vizosos
o ouro do
seu polen,
de pétalas e
arume o seu tesouro.
Longas
maternidades
reschoradas
a fío no mandil,
para longas
anadas sen amor,
o lenzo a
relembrar das despedidas
trestemido
no ar,
e a seguir
para os tortos asoballos
da vida en
soidade,
para o bater
das neves e das chuvas,
para fames e
loitos e naufraxios.
Mais pola
seiva morna que alimenta
a ramada
baril das vosas veas,
pola candea
que nos vosos peitos
reencenden
as fontes matriciales
e os
cruxoles do ser da nosa xente
coa voz que
criou,
ás cinzas do
pasado que destilan
nos úteros
do tempo para vir…
aínda nós
somos nós.
A mesma mao para o sacho e para a teta,
na Virxe e
no trasno a mesma fe,
un agarimo
ao neno,
outro
agarimo
a benquerida
sombra que deixara
no leito de
follatos
o home que
foi voso aquela noite.
Firmes seos
de nai onde amadriga
das sementes
o celme
para recebar
as íntimas fontelas
das que
recibe o seu feitío o ser,
e para
fundir nos eslabóns do sangue
os acentos
no pobo xenerados,
o fomento da
loita,
a vontade de
amar e residir.
Rústicas
nais de entranas repartidas
entre os
fillos e os eidos,
cal se nos
hemisferios da crianza
tamén
zugarán os meniños leite
das úberes
da Terra.
Eu sinto día
e noite a me roer
a cega dor
da vosa carne lúcida,
parideira de
brancas andoriñas
no cedo xa
tolleita para o amor,
a se trocar
varona de mantelo,
sempre coa
sorte revirada en trinca
ao timoeiro
da pobreza.
Tamén sinto
a desonda
do voso
matriarcado escurecido,
orfo de lúa
e de luceiro orfo,
a devalar
axiña
sobre os
areales do presente
e cara as
parameiras do porvir.
E se sinto
unha esperanza,
ou na
destinación do noso pobo
ou na
perpetuación do noso ser,
arquiveiras
da esencia dunha raza!
non é senón
aquela
que aínda
podemos pór agora e sempre
na virtude
baril do voso leite.
http://www.valentinpazandrade.es/gl/inicio
Comentarios