As Catedrais

Coñecida tamén como praia de Augasantas pola xente da zona, a praia das Catedrais é sen dúbida o areal máis emblemático, e o máis visitado, do litoral atlántico galego.

Nalgúns dos seus tramos poden verse corredores abertos entre amplas paredes verticais e furnas alongadas de profundidade variable: algunhas son pequenos ocos nos cantís mentres que outras superan os 30 ou 40 metros. Do mesmo xeito, algunhas destas covas obrigan aos visitantes a entrar agochados, se ben a maior parte superan os 4-5 metros de altura.

En canto á súa forma, algunhas destas furnas rematan incrustadas na rocha, a modo de cuña, mentres que outras ofrecen na súa parte posterior un espazo cuberto de cantos. Estes cantos proveñen de antigas chemineas que se van abrindo no teito por mor do impacto do aire atrapado polas olas. Cando estas chemineas chegan a facer ocos no teito este pode derribarse dando lugar a estes singulares espazos.

Este areal dá nome a un espazo máis amplo (279 hectáreas) que se extende dende a praia dos Castros ata a de San Miguel de Reinante, no concello veciño de Barreiros e que foi incluído, no ano 2001, na Rede Natura 2000 como Lugar de Interese Comunitario pola riqueza dos seus hábitats faunísticos e vexetais. Así mesmo, foi declarada tamén Monumento Natural polo Decreto 11/2005 de 20 de xaneiro.

A praia das Catedrais debe visitarse con baixamar, xa que ao subir a marea queda rapidamente cuberta pola auga. Para coñecer cales son as horas máis axeitadas para achegarse ata aquí podes chamar á Oficina Municipal de Turismo (982 128 689) ou consultar esta
táboa de mareas.


Concello de Ribadeo
http://www.ribadeo.org/


Fotografías de Emilio Blanco




Comentarios

Publicacións populares