Sobreira


Quercus suber L. Quercus occidentalis Gay
Sobreira, corticeira, alcornoque


Suber: nome romano desta árbore e tamén corcho en alusión á cortiza desta árbore.

Descrición: Árbore monoica de ata 25 m. Raíz principal penetrante e raíces secundarias que producen renovos. Tronco curto, groso e dereito. Cortiza grisácea, primeiro lisa, pasando moi pronto a ser moi grosa, gretada e suberosa (corcho), cincenta escura nos troncos non descortizados, amarela, pasando por vermella a negruzca, nos exemplares descortizados. Copa oblonga, máis ou menos estendida e algo irregular.

Follas de 2,5-10 x 1,2-6,5 cm, persistentes, simples, alternas, coriáceas, con pecíolo tomentoso de 6-20 mm, de ovadas a oblongo - lanceoladas, con bordos enteiros ou levando uns pequenos dentes espiñentos, agudas, truncadas ou atenuadas na base, co nervio medio sinuoso, cor verde escura na face, branquecinas e tomentosas no envés.

Flores unisexuais, as masculinas con envolta sepaloidea de 5-6 divisións e 5-6 estames, agrupadas en amentos de 4-8 cm, colgantes e interrompidos, reunidos en grupos de 5-6, primeiro erectos e avermellados, despois colgantes e amarelos. As femininas coa envolta sepaloidea e lobulada e con ovario ínfero e 3 estilos curtos e diverxentes dende a base. As flores femininas están situadas no interior dun involucro formado por numerosas escamas, solitarias ou reunidas en grupos pouco numerosos. O froito é un aquenio de 20-45 x 10-18 mm, ovoide - oblongo, cor castaña - avermellada na madurez, con pedúnculo de 5-40 mm, ríxido e tomentoso. Cúpula leñosa de 10-20 x 12-25 mm con escamas laciniadas. Madura entre setembro e xaneiro.

Floración: Florece entre maio e xuño, pero a floración pode prolongarse ata outono. A polinización é anemógama.

Orixe: Orixinaria do norte de África e do sur de Europa.
Hábitar: Habita en zonas frescas e abrigadas de bosques sobre solos soltos e permeables.




Oliveira

Olea europaea L.
Oliveira, olivo


Olea: do latino OLEUM: aceite, porque os seus foitos producen aceite; EUROPEA: de Europa, por ser orixinaria do sur deste continente.

Descrición: Árbore de ata 10 m, que excepcionalmente pode alcanzar 15 m e ás veces non pase de ter porte arbustivo. Sistema radical superficial. Tronco moi ancho, groso e retorto. Cortiza lisa e gris cando nova, que co tempo escurece e fende reticularmente. Copa baixa, ampla, densa, arredondada e irregular.

Follas de 20-80 x 5-12 mm, persistentes, simples, opostas, decusadas, coriáceas, oval - lanceoladas, brevemente pecioladas, enteiras, mucronadas, cor verde - acincentada escura e glabras na face, cincento - esbrancuxadas e densamente cubertas de escamas apretadas no envés. Adoptan aspecto acanalado por revirarse os bordos cara ao envés.

Flores de 5 mm, hermafroditas, pequenas, fragantes, con cáliz curto provisto de 4 dentes, corola branca, cos pétalos soldados formando 4 lóbulos na parte superior, 2 estames e ovario súpero. As flores agrúpanse en acios axilares, máis curtos que as follas. O froito é unha drupa de 10-35 x 6-20 mm, elipsoide ou case globosa, oleaxinosa e verde cando nova, que se torna negra, verde acastañada ou raramente ebúrnea na madurez. Semente parda e dura, 1 por froito. Madura en outono.

Floración: Florece entre maio e xuño. A polinización é entomógama.

Orixe: Orixinaria do este da Rexión Mediterránea.
Hábitat: Habita en lugares rochosos e secos, bosques secos e matogueiras.
Localización: En Galicia hai tempo que perdeu importancia económica. Pódense atopar exemplares asilvestrados no val do Sil.




Información recollida da Guía das árbores de Galicia. Henrique Niño Ricoi e Calros Silvar.Baía Edicións.



Fotografías de Roque Soto

Comentarios

Publicacións populares