Dame alento para seguir
Dame alento para seguir, dame o teu feno, o teu argazo, a túa desolada fronte
mordida por lamas interiores con que te desprendes e caes contra o mar, no
contento de quen che quere urbana e sen figura, de quen se achega aos cons e
bate as palmas para espantar as aves:
que as túas silveiras lle entren na casa e lle esganen as flores postizas, que os
sapos poboen o seu maxín de frautas enlamadas, que os teus abesouros non lle
deixen durmir e que, despois, toda a brea do mar se apegue, insolubel, aos pés
dos visitantes.
Pois eu debo seguir, vento enchoupado en bágoas de nubes furtivas, sombra
xemente a petar nas portas, brétema dos teus bronquios entupidos, ventá que
abre por demanda de alguén que expira, fornos abandonados esperando,
cúpula dos pozos mariñaos, serventío de matogueira,
¿a que xente, a que familia lle serás entregada pro indiviso, quen puxo codicilos
nas túas últimas vontades, a quen lle legas o teu lombo para a primeira
decrúa de pervertido esquecemento, en nome de que reino ou de que amaño,
mudas comigo de era e, declinando, nos afundimos nas brañas como entón,
pero agora de todo nos perdemos extintos antes de que nos sangren?
Pero ti dame alento para seguir.
Beira Norte
Xavier Rodríguez Baixeras
Fotografías de Roque Soto
Banda sonora:
I Love You But You're Dead - Mark Eitzel
Comentarios