Far blues

Naquela cidade
onde unha rapaza escribía un diario secreto
na noite
mentres o soño desvalido semellaba finxir
silencios compartidos
nesa vella cidade do norte
o primeiro poema de amor flutuaba
coma un blues nostálxico na noite.

Só quería saber
por qué as cordas permanecen vibrando coma labios
e qué queda do diario secreto
na noite desvalida.

Querería saber daquel río esvaído do soño
tal unha despedida sen retorno,
do silencio curvado nunha praza deserta e antiga.

¿Onde vai o primeiro poema de amor
a materia sonora dun blues fuxidío
a inocencia primeira?


Códice Calixtino
Luz Pozo Garza


Le Boom Noir
Fotografía de © EJ Holmes

Comentarios

Publicacións populares