FRANCISCO PORRÚA, EDITOR

Outros enfoques


Francisco Porrúa, editor

A emigración galega a Sudamérica produciu curiosos fenómenos en diferentes ámbitos, pero nesta ocasión é de agradecidos deterse no mundo da cultura, en concreto no territorio dos libros, da literatura. Os que gozan da palabra escrita non dubidan en recoñecer a figura de Francisco Porrúa (Corcubión, 1922 - Barcelona, 2014) como representativa dun traballo que serviu para que moita xente coñecese os mellores escritores do século XX a través das súas obras.

De acordo co acertado e exhaustivo artigo de Xosé Pérez Mondelo -suplemento de cultura de La Opinión, 30 de setembro de 2006- sobre o editor galego radicado dende os dous anos de idade na Arxentina: "Francisco Porrúa creou no ano 1954 a editorial Minotauro, unha pequena empresa que co paso do tempo se convirtiría nunha referencia ineludíbel ao falarnos da literatura de carácter fantástico e de ciencia ficción, pois o seu catálogo de libros deste xénero segue a ser obxecto de culto entre os lectores. O seu primeiro éxito editorial foi a publicación no ano seguinte de Crónicas marcianas, o lendario libro de Ray Bradbury, prologado por J.L. Borges e que el mesmo traduciría do inglés pois, ademáis dun lector sensíbel e certeiro, foi a de traductor outra das súas actividades sobranceiras, asinando moitas das súas traducións con nome de Francisco Abelenda, un apelido de ecos tan nosos e moi do gosto de Porrúa en canto recolle a súa linaxe materna, como noutros casos ha facer cos apelidos paternos que, por exemplo, adopta na tradución de O Hobbit, que asina co seudónimo de Manuel Figueroa. Andando os anos, cando se traslade a España, vai publicar tamén en Minotauro, outro libro de culto: O señor dos Aneis, de J.R.R. Tolkien, en tres fermosos tomos. Tamén nesta ocasión é o tradutor da triloxía, que asina co seudónimo de Luís Domènech -como había facer con El Silmarillion-, nova homenaxe ás súas raíces familiares, como ocorre con outros seudónimos como o de Joaquín Valdivieso ou Gregorio Lemos. Sempre foi esta a súa maneira íntima de render tributo ao seu herdo familiar e ao seu páis de orixe".



En relación coun un dos libros máis representativos da literatura fantástica do século XX, engade Pérez Mondelo: "El conseguira coas mellores artes do editores clásicos os dereitos da edición en español da triloxía de Tolkien, que nunca deixou de ter lectores fieis desde que que apareceu a edición castelá no ano 1977. Desde o mesmo momento da súa aparición a nova correu de boca en boca e ter este libro nas mans, penetrar con Frodo, ou con Gandallf nas terras da Comarca, foi para todos unha revelación  e unha transgresión afeitos como estabamos a unha literatura de urxencia".

"Este compromiso co fantástico acaíalle ben ao noso ser galego, estivo desde sempre na cerna das nosas fabulacións cultas e orais, mais hemos de recoñecer que foi a través do chamado realismo máxico latinoamericano e de libros como o de Tolkien, que aprendemos a valorar de vez o noso, o que sempre estivera arredor de nós sen saber ver. Despois si, xa  liberados de prexuízos e esquematismos lectores, soubemos que Dieste, Cunqueiro -tan incomprendido daquela- e outros estaban aquí antes da chegada de Cortázar ou de Gabriel García Márquez, de Rulfo e Carpentier e de tódolos demáis fantásticos narradores latinoamericanos".


Tamén en Bos Aires, Porrúa estaría implicado en sentar as bases "do que se coñecería como o boom da literatura latinoamericana, aínda sen pretendelo nin querer aparecer nunca como pai desa engaiolante criatura. Traballando agora -desde 1957 como asesor literario- para a editorial Sudamericana, vai facer posíbel a publicación doutros dous libros clásicos da literatura contemporánea: nada máis e nada menos que Rayuela de Julio Cotázar e Cien años de soledad de Gabriel García Márquez. Cando Porrúa chegou a Sudamericana o escritor arxentino xa tiña publicado nesta editorial o seu libro de relatos Bestiario (1951), polo que non era un autor descoñecido. Agora ben, un momento definitivo na vida de Cortázar foi a publicación en Sudamericana, por mediación de Francisco Porrúa, de Las armas secretas (1959), libro que inclúe un relato tan singular e determinante como El perseguidor, que había marcar toda a súa novelística posterior. É o caso de Rayuela (1963), unha das obras máis revolucionarias da literatura contemporánea, que o propio Francisco Porrúa tamén tivo o acerto, o xenio e a sensibilidade de editar. Outro mérito que a comunidade lectora nunca lle ha de deixar de agradecer. A parrtir de aí vai a ser o editor por excelencia de Cortázar, o seu grande amigo e lector primeiro. Dous cronopios a sementar tenrura, beleza e coñecemento solidario".


Sobre o encontro de Porrúa co libro más recoñecido de García Marquez, sinala Pérez Mondelo: "Un día de mediados do ano 1966 o editor petou na porta doutro cronopio de máis ao norde, un novelista novo colombiano. Este estaba mergullado na creación dun novo libro. Cien años de soledad, Debeu ser para el unha lectura abraiante a do manuscrito de García Márquez. Gústanos pensar que Porrúa recoñeceu naquelas páxinas caribeñas o celme das fabulacións do seu lonxano páis, o celme daquelas historias patrias que acompañaron a
infancia atlántica do editor e que levaba gravadas no íntimo. No ano 1967 o libro saía do prelo, outro título a escintilar no catálogo increíbel deste editor, a súa grande contribución á cultura universal. Adoita dicirse que para un editor o eu catálogo é a súa verdadeira biografía. Se así for, a de Francisco Porrúa non pode ser máis excelsa. 

"A edición deste libro foi determinante para a editorial Sudamericana e marcou a vida futura do autor e da literatura hispanoamericana. Gabriel García Máquez ten dito que Francisco Porrúa lle cambiou a vida, contestándolle este que o que de verdade lle cambiara a vida fora o feito de ter escrito un libro tan singular como Cie años de soledad. Parece que a súa relación comezara dun xeito casual, por un deses azares dos que tanto gosta un espírito tan cortezariano como o seu: Francisco Porrúa, naquel momento asesor literario da editorial, descubrirá a obra de García Márquez a través do crítico chileno Luís Harss que lle dera a ler o manuscrito do seu ensaio Los Nuestros (1966) para a súa publicación en Sudamericana. Neste traballo xornalístico-literario sobre a nova literatura latinoamericana, Francisco Porrúa descubriu o nome do escritor e xornalista colombiano. A partir de aí leu a súa obra ata entón publicada: La Hojarasca (1955), El coronel no tiene quien le escriba (1961), Los funerales de la Mamá Grande (1962) e La mala hora (1963), e decidiu escribirlle pois quería facer unha reedición destes libros. Non sendo isto posíbel preguntoulle se tiña algunha nova obra preparada e García Márquez contestoulle que tiña unha novela a piques de rematar  e que lle podía mandar algún capítulo. E así foi, mandoulle algúns capítulos de Cien años de soledad. Porrúa leunos e inmediatamente quedou aberto o camiño para a publiación dunha das obras máis senlleiras da literatura universal".

Francisco Porrúa deixou a editorial Sudamericana en 1973 e catro anos despois abandona a República Arxentina, ante o acoso da ditadura militar que fixo desaparecer a moitos do seus amigos. En España traballa como director literario de Edhasa ata 1992. En Barcelona funda Ediciones Porrúa que inaugurará coa publicación dunha antoloxía de relatos de Cortázar: Animalia (2005). Con anterioridad había vendido Minotauro ao grupo planeta.

Entre os recoñecementos en vida, recibiu o premio Gabriel ao Labor dunha Vida, outorgado en 1999 pola Asociación Española de Fantasía, Ciencia Ficción e Terror e recoñecemento ao Mérito Editorial en 2003, na Feira Internacional do Libro de Guadalajara. "Máis tamén sabemos que aínda non recibiu o recoñecemento do que é merecente. É chegada a hora de que desde a súa vila natal pasando polas nosas institucións políticas, culturais e educativas, se faga o xusto e necesario para recoñecerlle a Francisco Porrúa a súa contribuciòn á cultura contemporánea", resalta Pérez Mondelo, que recorda: "aquel neno galego que un día cruzou o mar para sementar, cando outros compatriotas, as más belas palabras no corazón da comunidade lectora universal".


Comentarios

Publicacións populares