MÚSICOS POPULARES DE QUIROGA
Recupero para este blog, co permiso de Xosé P. Mondelo, o traballo feito por este nativo de Sequeiros arredor dos Músicos Populares de Quiroga, una andaina que o levou a conectar cunha parte descoñecida da nosa recente historia e, sobre todo, cos verdadeiros protagonistas do que semella una vella película en branco e negro que non nos cansamos de mirar e escoitar. pois, en determinados casos, fomos espectadores en primeira fila e en directo das evolucións musicais dalgúns dos últimos artistas ambulantes. Os artigos apareceron na publicación periódica A Nosa Terra.
O gaiteiro perdido viña da parte de Viana. Andaba só, sen banda, a pedir esmola, un prato de caldo, unha palleira onde pasar a noite. Por alí todos tiñan ouvido del e coñecíano como o gaiteiro perdido, simplemente. Contábase que se o mataran os lobos ao atravesar a serra. Mais non se sabe nada de certo, se o conto é verdade ou lenda, mesmo un caso de licantropía.
Como o gaiteiro perdido, desde a banda de Trives e Caldelas, pola serra da Moá abaixo, teñen chegado ao val de Quiroga, os Trintas e os Trabazos, as mellores formacións musicais do seu tempo. E, en sentido contrario, teñen andando ben veces os Celtas de Paradaseca deica as terras trivesas e caldelás. Era esta unha rota natural de intercambio comercial e musical entre as xentes dunha e doutra banda da serra. Nos días de feira daba gloria ver chegar os homes do val con fermosas parellas de bois da montaña e aínda hoxe se recordan con saudade os tempos nos que as rúas maiores de San Clodio e Quiroga aparecían animadas co trafego das bestas dos caldelaos, que baixaban coas alforxas acuguladas de pan en grao e volvían rebordantes de patacas e viño e outras mercadorías.
Estes eran os vellos camiños que percorrían incansábeis os nosos músicos de tempos idos. Como aquel cego violinista de Trives, que suspiraba por ver as espigas do trigo e os cornos dos bois. Apalpábaos e sempre dicía moito que lle gustaría poder ver aquilo. E os de Eixón, Ferreiros e Outeiro. Ou aqueloutro da parte de Monforte que andaba no tren a tocar o acordeón, acompañado por un rapaciño que din que cantaba como un xílgaro. O mesmo tren no que tempo despois había tocar o Penelo, o noso máis recordado gaiteiro, sempre disposto a acudir onde o reclamasen para facer festa. Aló se presentaba coa súa gorra de factor e un fardelo ao lombo onde metía gaita, caixa e bombo, mesmo un requinto, e veña, a tocar, tanto tiña un pasodoble como unha muiñeira, el tocaba da mesma maneira todas as pezas, coa salvedade de unhas iren máis recargadas de bombo que as outras, segundo el mesmo graciosamente lle retrucaba aos que llo botaban en cara. El tocar só tocaba a gaita: a caixa e o bombo tocáballos calquera (cando non era o seu cativo, que adoitaba acompañalo nestes menesteres). E o requinto, se había quen llo tocase, valíalle tamén. O caso é que a xente divertíase e ría moito co Penelo.
O gaiteiro perdido

Daquela había moita necesidade, pásabase moita fame, mais tamén había moita alegría e ganas de se divertir, cadaquén como mellor podía... E así, por eses nobres carreiros de antano seguían chegando ao longo do pasado século moitos outros instrumentistas: da parte de Lóuzara viña o Caxeno, un bon gaiteiro, un rapaz de maneiras delicadas do que os máis atrevidos deron en dicir se era isto ou estroutro. Do Courel, os músicos de Paderne, que tan popular fixeran aquel valse da pastora con letra de Uxío Novoneyra, o seu veciño poeta: "Teño unha noiva pastora/delgada como un salgueiro/como unha ablairiña nova/ que dobla por onde eu quero..." E desde Valdeorras chegaban os gaiteiros de Córgomo, co Leopoldo á fronte, e os Vueltas desde Larouco. E de par de Montefurado, os gaiteiros Vilaester, o Manuel Coutado e os compañeiros, sempre á man para un baile de domingo, nunha eira, á roda dunha cantina que axiña improvisaba un cantineiro para vender un pouco de viño.
Ben se vía que non eran músicos de festas grandes nin de procesións. En definitiva, toda unha santa compaña de ledos músicos que foron conformando a poderosa herdanza musical do pobo, un herdo que teimamos en rescatar de entre a néboa do tempo. Foron músicos anónimos na súa maior parte, como o gaiteiro perdido, do que ninguén acorda o nome, e mesmo mendicantes a demandar caridade, mais do que a xente garda unha fecunda memoria. Unha memoria que queriamos manter viva. En xusto pago.
Para todos estes músicos populares que, desde a montaña ao val, espallaron tanta ledicia polo país quirogués, a nosa lembranza agradecida.
Fotografías de © Antonio Vidal:
O Penelo no Nocedo, 1958
Bois na curva de San Clodio
O Terratrás soprando
As imaxes foron cedidas cordialmente por Pablo Vidal

Comentarios