O GAITEIRO DO TOXO
O gaiteiro do toxo
Manuel Rodríguez, o gaiteiro do toxo, aprendu a tocar o punteiro mentres coidaba da súa cabra, a súa única e valiosa pertenza. Non tiña más facena. Erafillo de lavandeira do Sil, dunha familia moi necesitada. Pero era un mozo espilido e creativo e din que moi bon gaiteiro. A gaita fora a súa mellor compañeiras nas horas de pastoreo e soidade aló polo Carroceiro, entre os toxais dos outeiros de por riba de San Clodio -un ollo nos dedos sobre o punteiro e outro na cabra- e para sempre foi coñecido no lugar como o gaiteiro do toxo, nome que fixo seus para as súas actuacións.
Durante un tempo tocou canda el Carlos Rodríguez, o gaiteiro maior, antes de este formar Os Celtas de Paradeseca. "Aquí en Margaride, á beira do Lor, onde o Toxo casara cunha moi boa moza -conta o seu compañeiro Carlos de Paradaseca- tocamos moito polo San Vicente, aló por xaneiro. Faciamos o baile nunha cova de arxila, na ladeira, ao pé do lugar. Nun antroido ou aninovo, non recordo, baixou o teito da cova, coa sorte de que foi xusto despois de ter rematado o baile". O seu cuarteto chamábase Os Gaiteiros do Toxo, grupo no que tocaban tamén Xosé Rodríguez, irmán de Carlos, ao bombo, e o Caseiriño de Parteme, coa caixa.
Cando a guerra, Manuel Rodríguez incorporouse ás milicias da República contra Franco, chegando a acadar o grao de capitán, despois de ter participado en primeira liña nas máis duras batallas. Logo foi evacuado a Francia, onde estivo recluído nun campo de concentración. Cando puido ser liberado e regresar a Galicia, tentou refacer a súa vida na súa vila natal, non sendo isto nada doado para un home tan significativo coma el, naquel duro tempo da posguerra.
Daquela viuse obrigado a emigrar a Asturias para traballar nas minas, mais, ao cabo de dous anos, aqueixado por unha doenza psíquica regresou definitivamente a Margaride, onde viviu o Manuel os seus derradeiros anos, decote acompañado pola súa doce muller Rosalía, sempre fieis aos se ideais de mocidade.
A gaita do Toxo, cun fol feito de pelello de cabrito da súa propia facenda, pendura agora nas paredes do Centro de Artesanía e Deseño de Galicia, en Lugo, como lembranza e recoñecemento a este honrado e valente gaiteiro.
Editado no número 1235. Do 14 ao 20 de setembro de 2006. Ano XXXIX. A Nosa Terra. Sección Fin de Semana. Páxina 35.
Ilustración de Luís Seoane
Comentarios