CARTA A XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN


VILAS LITERARIAS: QUIROGA


Moi estimado Xosé Luís: despois de ler o teu No fondo dos espellos de hoxe, fermosamente titulado “O corredor que aman as garzas”, ese que vai de Rianxo a Padrón, tan lírico, dei en pensar que nesa rede literaria de vilas e cidades, tamén podiamos incluír Quiroga, e mesmo ese suleste do país, fronteirizo, arraiano, ás veces tan lonxano, mais que existe, vaia se existe. Penso en Quiroga como centro dese espazo lírico, no que ben podíamos abrir dous ramais, un que nos conectase co Courel do grande Uxío de Parada, e outro que se adentrase no vasto territorio valdeorrés. Tanto un como o outro, Quiroga e Valdeorras, están a agardar por unha aberta e democrática Casa dos poetas, como a da túa vila e arredores. Alí, en Valdeorras, podíamos compartir un godello daquelas encostas do Sil, con Delgado Gurriarán e tódolos exiliados mexicanos, mesmo con tódalas mulleres e homes que resistiron e caeron agochados nos cavorcos e nos tobos. E por qué non, compartilo tamén con homes como Lauro Olmo, outro resistente, e mesmo Elena Quiroga, esa fidalga recollida na súa Casa Grande de Viloira. E tantos outros que manteñen viva hoxe a chama que prendera no val con aquela inesquecible asociación cultural, Os Cigurros, de primeiros dos 70. Unha chama que, á súa vez, aqueles rapaces entusiastas, recolleran dun profundo lume demócratico de homes e mulleres que sobreviron na noite longa de pedra.

Mais eu agora quería falarche de Quiroga, pois Uxío é el só unha nación lírica, o mesmo que todo o Courel dos altos cumes. Aquí xa parece máis doada esa Casa, pois Elba e os fillos están a termar dese soño, arranxando e abrindo ese espazo mítico para tantos galegos, para aqueles que seguen subindo a serra, como nunha viaxe iniciática, movidos pola hospitalidade e presenza/ausencia do poeta irmán. Alguén dixo que “Uxío tiña sempre a porta aberta, aínda que el non estivese na casa”. E así segue sendo.

En Quiroga aínda falta esa casa, ese centro irradiador. Non podemos esquecer a figura de Eduardo Moreiras, esa novela inxustamente ignorada, Primaveira no Lor, como ignorada é aínda hoxe a súa poesía e obras híbridas e tan modernas como Follas de Vagar. Na mesma praciña onde naceu Eduardo, porta con porta, está a casa onde pasou os seus anos edénicos Guerra da Cal, que inmortalizou para sempre ese “río de soño e tempo”, que atravesa manseliño o val, para se perder nas gorxas caladas do Canón, despois de se encontrar co Lor, xa vello, mais sempre ledo e troiteiro. E seguindo as pegadas literarias do val, non podemos de maneira ningunha esquecer a figura senlleira e tenra, un algo desleixada mais sempre cercana e popular, do grande paisaxista daquelas terras baixas do val e dos cumios coureláns que o arrodean. Libros como Á lus do candil, seguen iluminando os rostros de tantas xentes anónimas do val e das dondas serras verdegantes inzadas outrora de centeo. Aínda hoxe lembran os veciños os seus paseos vespertinos, entre as sombras dos castiñeiros, desde a Casa da Veiguiña ata Quiroga, a tomar un neto ou un refresco de hidromel na taberna do Peniche. Nesa fermosa casa da Veiguiña, dos Quiroga, un rapaciño montañes, foi petar nos vidros da galería onde escribía Fole, achegándose silandeiro, os seus pasos calmos a resoar nas táboas, para lle amosar os poemas do seu libro Os Eidos. E seguindo coa historia, vén á memoria o outro irmán de voso: o Manuel María, sempre chufándose da súa estirpe nestas terras, que viña da súa avoa, a Quiroguesa. Un Manuel, que deixou para a nosa memoria, o mellor agasallo: o seu libro de versos Sonetos ao val de Quiroga, que todo viaxeiro había de levar no peto nas súas camiñadas por aquelas doces mais tamén esgrevias terras. Por aquelas paisaxes en rocha viva, que nos cantou E.Moreiras. E, en rematando, só con cruzarmos a ponte até San Clodio, dariamos con César Arias, capitán, meu capitán, e con el entraría en nós toda a doce memoria de Brais Pinto, esa fértil semente que espallou pola Terra aquel mítico soñador saído da cabeciña tola de X. Fernández Ferreiro, ese amigo dos camiños, rebelde e soñador, que agora andará, por fin, a descansar sen pena na súa solaina de Espartedo, ollando ao lonxe os chaos e as fragas dos paxaros azuis. 

Eduardo Moreiras, Ernesto Guerra da Cal, Uxío Novoneyra, Ánxel Fole, Manuel María, César Arias… e os novos narradores, poetas e ensaístas de hoxe (agora recordamos a Pepe Estévez, embaixador de Galicia en terras de G. Aresti) habían habitar ledos esa casa de fiestras abertas ao val e á montaña, cinguida polas augas dos ríos do paraíso (Sil, Lor, Quiroga…), para seguir iluminando, estrelas ou vagalumes na noite, pombas do día, o noso universo literario.

( Outros ramais: seguindo os pasos de Fole, un chegaría até O Incio. E outro baixaría desde Savane até Lóuzara para se encontrar co santuario de Fiz Vergara… E se collemos para a outra banda, como facía José de Parada, a cabalo polo carreiro do sono, “subindo e baixando costas/ nun soño de idas e voltas”, volveríamos empalmar con Valdeorras e o Bierzo, esoutro espazo tan propio).

Mais isto é outro conto, agora só quería falarche de Quiroga, que ben podía incluírse como oitava vila, nesa rede de cidades e vilas amigas das garzas e das aguias.


Carta a Xosé Luís Méndez Ferrín


X. Pérez Mondelo


Comentarios

Publicacións populares