PURA VÁZQUEZ EN QUIROGA


Vilas literarias: QUIROGA



Esta agridoce vida
(Na cima dos milenios, isto escribo) 
Pura Vázquez (1918 - 2006)


Cando deixamos A Coruña e fomos parar a Quiroga, fermosa vila da provincia de Lugo, onde destinaran ó meu pai despois de facer e gañar unha oposición á que se presentara na Coruña. Cumprira eu xa os cinco anos, e andaría cerca de Ourense pero a min no me gustaba tanto o cambio, agora que xa aprendera a gozar do mar, e daqueles anaquiños de terra cultivable, e das corredoiras e recantos ó pé da torre, e de toda a cidade de A Coruña, que aínda hoxe amo, o mesmo Dora, como unha segunda patria que tanto agarimo lles dues ás nosas infantís vidas. En Quiroga, o meu pai tiña nos baixos do edificio a súa oficina de Correos, na que el era o xefe; ademais, tiña que reparti-lo correo por toda a vila, e distribuílo ás localidades da contorna, que eran aldeíñas daquela, e a meirande parte delas estaban cerca da vila; aínda que tamén o enviaban ós concellos do partido xudicial. Os carteiros das aldeas dos arredores pasaban pola estafeta para recoller alí todo o correo.

 O traballo para o papá era pouco e facíao rápido, polo que lle quedaba bastante tempo libre, e como el sabía moito de facer zapatos e botas de encarga , instalou un pequeno negocio paralelo, e colleu un xove axudante para que atendese ese negocio mentres el tieá que traballar fóra.

Tíñamos a vivenda no primeiro andar e a casa estaba na mesma estrada pola que se ía a estación. Desde as ventás e as galerías da casa, víamo-lo río Sil, que foi, co Miño de Ourense, fundamental na miña vida amante da auga, logo de que pasaron aquelas crises de medo vividas no Orzán de A Coruña. Eses dous ríos, Sil e Miño, mantuveron durante anos a tenra ilusión que conservei sempre polo mar.

 En Quiroga, daquela, non había parvulario. Anque eu non tiña aínda idade para asistir a escola primaria, pero visto que estaba moi adiantada, xa que viña da escola de párvulos de A Coruña, admitíronme no primeiro grao.Ó chegar a Semana Santa, asistía coas outras nenas á preparación da Primeira Comuñón, que facíamos na catequese, na igrexa co señor cura. Ó señor cura non lle gustaba nada  que me presentase na catequese, dentro da igrexa, cos vestidiños que me facía a mamá cun tecido de percal  finiño, eran de manguiñas curtas e tiñan no rodeiro da saía uns remates de volantes que subían e baixabam ó correr, e, ás veces, seica ensinaba algo das braguiñas, un chisco. Díxomo ben claro o primeiro día, para que a mamá me vestise cunha roupa máis decente. En conteillo á miña nai, pero ela coidou que eran cousas miñas de nena, e non me fixo caso. En A Coruña, tódalas nenas da miña idade e máis grandeiras, vestían así ou polo estilo. O párroco avisoume un día e logo outro, pero ó chegar ó terceiro e verme vestida do mesmo xeito, achegouse a min, e sen previo aviso, deume unha patada no cuciño cos seus tremendos zapatóns, e botoume fóra da igrexa e da catequese, dicíndome que non volvese máis por alí mentres non me vestisen de xeito adecuado...


Nas bagas do pasado

Eran outras as árbores cando outono chegaba
cos ventos, follas lábiles, cotidiáns salmodías.
A nosa adolescencia fervía perfilándose
dentro de nós cos grises, pequenas rebeldías.
Entre os áulicos mármores do adral líamos nomes.
Exhumábamos ledas lendas e paganías.
Inventábamos xades coas pedriñas brillantes
entre os tallados vidros nas areas das rías.
Que confusión extraña coas liturxias naceron
de mitos, contramitos, sagas, mitoloxías.
Na contraluz das sestas. Na espesura das horas
navegaban os soños por idoiras bahías.

Desmemoriado río
Pura Vázquez

Comentarios

Publicacións populares