Asubíos na noite 

II- Roquiño, en 1939



R.Soto Soto


Nese tramo escuro entre o cemiterio e a estación sempre encollo o cu e rodo como un carro polo camiño que baixa a Pinguela. Non sei por que me vén ao pensamento que na escuridade váiseme aparecer unha muller. Estremézome ao pensar que unha dona a altas horas da madrugada poida estar diante miña, será algo moi raro, non creo que sexa a virxe María, senón algo maligno, que vén danarme. Prefiro que sexa unha bruxa a unha tola que acaba de matar á súa crianza.

Agora, aquí, escondido entre as travesas de madeira, fíxome como e en que lugar dos vagóns están os gardas civís e o revisor. Difícil tarefa porque os coches van cheos de xente como sempre.

Dáme tempo a pensar que a guerra parece que terminou e na casa hai máis bocas. O maior volveu da fronte feito un home aínda que acaba de cumprir os 19; ela, cun neno a piques de cumprir os tres, e sen pai. Os vellos non poden sacarlle máis ás leiras nin aos animais. 

Correndo dun lado a outro. Se é necesario súbome ao teito do convoi. Así teño un amencer axitado no que me converto nunha pantasma invisible. Nesta ida só serei observado por uns poucos cando baixe do último vagón do tren.

Desde Sequeiros a Astorga afágome ao meu danzar con cestas ao lombo. Soamente pensar que vou poder rillar un codelo de pan branco, cando estea na ringleira da tafona para comprar varias fogazas de trigo. O pan noso, cantos padecementos para poder levalo á boca. 

Tira, tira, máquina. Asubía nesta apesarada noite do Bierzo. Estou a piques de chegar ao meu Dourado. Alí defendereime coa tolemia do famento. Revolvereime contra a inxustiza, o engano, o desprezo o os insultos, para levar á miña xente o pan de vida e salvación, se non mo quitan os gardas ou caio do teito do vagón nunha das miñas carreira polos teitos dos vagóns.

Comentarios

Publicacións populares