A mansarda das letras
A vida difícil de Andrés Carranque Ríos
Andrés Carranque Ríos (1902-1936) pertence cronoloxicamente á xeración de escritores realistas previa á guerra civil española, aínda que no caso deste madrileño do Rastro a morte prematura por enfermidade truncou as posibilidades de evolución da súa narrativa composta por tres novelas, entre elas a que aquí se apunta e serve para lembrar a un home esquecido. A vida difícil representa a segunda novela dun escritor autodidacta máis interesado no fondo que na forma.
O seu obxectivo era unha novela social, de denuncia, na que conta a vida cotiá, moitas veces a propia experiencia de Carranque Ríos, quen no seu estilo neorrealista utiliza técnicas cinematográficas, quizais influenciado pola súa experiencia como actor.
Ambientada nos últimos días a ditadura de Primo de Rivera e comezos da II República, La vida difícil entra en dous mundos separados, a pobreza e a burguesía, ambos frustrantes e integrados no clima de deshumanización dos anos 30 do século pasado. O seu personaxe, como é habitual, un madrileño, terá un final dramático, pero é mellor ler o libro e mergullarse nun mundo non tan afastado e con algunhas coincidencias co actual.
Contemporáneo das vangardas que animaban a literatura europea e da xeración do 27, Andrés Carranque coñeceu a pobreza dunha familia de 14 irmáns na que era o primoxénito, polo que desde moi novo andou en diferentes oficios e na militancia anarquista que lle custou ir ao cárcere. Entre as súas profesións pódense citar ebanista, mariño, estibador de peiraos, actor de cinema, modelo para estudantes de Belas Artes e xornalista. No medio de todo, tamén vividor da bohemia se dela podíase sacar algo; e por fin, nos seus últimos anos, novelista ao que presentou un talludo Pío Baroja.
A edición da vida difícil que encabeza o post pertence á colección La novela española, de Ediciones Turner, editada nos anos 70, e na que aparecen outros nomes básicos desa narrativa: Ciges Aparicio, Felipe Trigo, César M. Arconada, José López Pacheco, José Ramón Arana, autores todos eles da denominada novela social española, escondinda senón case sempre inédita nos manuais de literatura e polos lectores actuais. Con todo, nas librerías de saldo adoitan atoparse ás veces títulos dos citados en vellas edicións.
A obra completa de Andrés Carranque foi recuperada en 1998 nunha loábel edición de Imán na que aparece a referida novela do escritor madrileño prematuramente desaparecido.
Hai anos mentres escoitaba da radio o inconfundible toque de guitarra dun vinteaneiro chamado Carlos Santana, aproveitei a ocasión para meterlle man a un libro da nutrida biblioteca do meu tío Albino. A elección non puido ser máis acertada, era o tomo IX das mellores novelas contemporáneas, de Planeta, seleccionadas polo hoxe denostado Joaquín de Entrambasaguas.
A impaciencia de adolescente e o ritmo imposto por Santana fixéronme pasar rapidamente as páxinas, quizá coa intención de ver por encima os títulos, fotografías e datas de nacemento e morte dos autores alí recollidos. Pero impaciencia e música non foron suficientes para esquecerme da fotografía dun mozo de aspecto fachendoso e faccións gustosas. Era Andrés Carranque Ríos, de quen se ofrecía a novela Cinematógrafo, ambientada na época en que Madrid quería parecerse a Hollywood.
A curiosidade serviu para deixar que a música seguise de fondo. De vez lin a biografía escrita por Entrambasaguas, e logo a novela. Tempo despois descubrín a verdadeira vida difícil, e nada máis. Con todo, xa metido nos oitenta da movida madrileña, no Rastro onde naceu Carranque, atopei nun posto de venda e tirado no chan, coas súas cores vermella, verde e dourada intactas, o tomo famoso nunca esquecido e atopado a un prezo de saldo. Non dubidei en compralo.
Desde entón gardo o libro como un valioso pecio rescatado do fondo dun mar cheo de tesouros -outros escritores dos que escribirei-, porque é unha obra vixente, pois Madrid no é Hollywood oito longas décadas despois, e os suicidas seguen guindándose desde o monumental Viaduto da capital.
Comentarios