MANUEL R. CRESPO: O CANTOR DO VAL
Vilas literarias: Quiroga
Manuel R. Crespo: cantor do val
Xosé P. Mondelo
Mestre músico luthier
amigo dos ríos e dos poetas
das sobreiras e os paxaros
e dunha fada loira
que sempre vai ao seu lado
recollido no silencio da tarde
tanxendo frautas
á porta da casa
cabo das augas
na súa cabana
enviso
no centro do paraiso
fermosas frautas de bambú
dos canabais das ribeiras
dentro de sí
lonxe do mundo
en harmonía
zen
tirando sons
procurando acordes
fiando palabras
fiandeiriña delgada
tecendo soñares
belas historias
de amantes baixo as augas
na súa guitarra.
Así nos vén á memoria Manuel nas súas horas edénicas do poblado do Salto e nos días de festa no xardín-horto da casa de seus pais nas encostas de Pacios. Horas e días de canción e fértiles palabras, ollando ao lonxe os solpores sobre o castro de Ares. Como nos veñen támén á lembranza as subidas á serra, como un rito, cada vran, á casa de Uxío de Parada, o tremor dos seus versos e da súa aperta fraterna. En agosto, os paseos polo souto, a auga da fonte, recollernos nos cuartos da súa casa de madeira e sombra "feita hai cen anos á súa maneira". Ollar os cadros nos lugares de tránsito, os libros nas buratas... Oír o seu canto, voltar pró val ledos, á seriña, cos seus garabatos dedicados, despois de deixalo con Elva no alto. E o día aquel que fomos presentar a Savane o libro de Vicente, o poeta e gaiteiro maior de Ferramulín. Quizais ese día xa che veu ao maxín o arranxo do poema 'Veño da montaña para verte', ao que tan ben lle acae a túa voz, esa melodía.
A serra, sempre a serra. O val, o val decote. E os seus poetas: Uxío, Manuel María, Vicente Reboleiro... Os seus poemas, o seu ritmo, a música que levan de seu e que ti soubeches despertar coas túas cancións.
Os poetas... e os nenos, a túa outra paixón. Consciente como pedagogo galego da necesidade de que canten e ademais canten cancións na nosa lingua, de que a nosa música popular e culta entre nas aulas e se escoite nos patios e nos corredores e non quede como un can na chuvia á porta da escola, estás a traballar delicadamente na composición de cancións infantís, que canda as de outros novos músicos están a encher de alegría as horas escolares e as vidas dos nosos rapaces. O mesmo labor que están a facer outras creadores en tantos ámbitos, como o da literatura. Música e literatura infantís nas que o noso país está á vangarda creativa, como xa o estaba de sempre na riquísima tradición oral.
Agora podemos escoitar toda a túa música en youtube, mais agardamos a tela axiña nun disco. Alégrános que as augas da ría de Vigo sexan pra tí fontes de entusiasmo creativo. Non podía ser menos tendo como tes de veciños a Martín Codax e a Mendiño. A auga das rías... e as augas do Lor e do Quiroga, do Ferreiriño e do Soldón, do Sil e de tantos regatos ledos que baixan polas abas da serra e choutan polos lameiros do val. As augas do paraíso. Esa música. O son desa nosa terra 'entre ríos deitada'.
Comentarios