A música, con letra entra
Sempre Suaves
O primeiro contacto que tiven co grupo Los Suaves foi de carácter visual na tenda de Discoplay, situada nos sotos da Gran Vía madrileña. En 1982, o rock and roll puro e duro estaba reservado a lendas e algúns francotiradores que non entraban na aplicación de novas tecnoloxías como instrumentos programados e variados teclados que por todas as partes -a moitas gravacións remítome- daban unha sonoridad que nada se asemellaba á da longa lista de grupos e solistas aos que desde a década de 1950 sentaban e sentan as bases dun xénero sen o que non se pode entender a evolución da música popular.
No coñecido e mítico establecemento de Madrid estaba á venda un elepé dun conxunto descoñecido para mì que tiña un nome sinxelo pero non por iso desacostumbrado para distinguir un combo de roqueros irredutibles naqueles tempos de barullo posmoderno nado á calor das diferentes movidas que se expandiron por todolos puntos da península ibérica. Dos Suaves, logo decateime que eran paisanos galegos, gustáronme varias cancións do disco grande titulado Esta vida me va a matar, pero, sobre todo, aprendín para entoala durante moito tempo a letra de Siempre igual.
Co tempo tiven que deixar Madrid por asuntos de traballo, e fun parar á cidade de Ourense, berce dos Suaves, onde coñecín a Charli Domínguez, con quen compartín alegrías, moita música, e tamén momentos de desánimo que ían paralelos á gran paixón do baixista por vivir o rock sen morrer no intento. E iso é o que recolle con excelente precisión Javier Domínguez (irmán de Yosi e Charli) no seu libro titulado: Los Suaves. Mi casa es el rock 'n' roll, editado na colección Extramuros de Edicións Xerais de Galicia. A conclusión tras a súa lectura: é que é posible que mesmo no lugar máis escondido haxa persoas que leven en forma de música e cancións as súas vivencias a miles de persoas de diferentes xeracións e distintas xeografías. Mil primaveras máis para Os Suaves!
Charly Domínguez, El lobo urbano. Fotografía de © Iñaki Osorio
Comentarios