CELIA DÍAZ E AS VOCES DA TERRA

Vilas literarias: Quiroga 



Celia Díaz e as voces da Terra 

X. Pérez Mondelo

Hai xa unha década que a profesora Celia Díaz publicou un libro singular, atractivo e riguroso, sobre os escritores quirogueses ou que tiñan, malia non teren nacido neste fermoso val, como espazo lírico ou narrativo, como motivo e centro das súas obras, as terras  e as xentes da montaña e do val que cruzan silandeiros os ríos deste paraíso noso: o Sil, o Lor, o Soldón, o Quiroga, o Ferreiriño e tantos outros regueiros ledos. 

Neste libro, Voces da Terra, que subtitulou acaidamente como Quiroga e os seus escritores, dáse cumprida e emocionada crónica de todos estes narradores e poetas: Eduardo Moreiras, Ernesto Guerra da Cal, Ánxel Fole, Manuel María... escritores que iluminaron coa súa palabra a nosa contorna toda. 

Voces da Terra é daquela un libro necesario, un libro que debía estar en tódalas casas do val, en tódolos petos dos mozos e das mozas, nas bibliotecas escolares, ser un referente na vila en toda iniciativa de sensibilización e animacíon lectora. É tamén un libro pioneiro, agora que tanto se está a falar das Vilas Literarias, da creación dunha rede de vilas literarias de Galicia. Neste senso, somos conscientes de que Quiroga non pode quedar á marxe dun proxecto tan atractivo. A literatura non é sólo un valor inmaterial, un ben cultural. Tamén é un recurso dun gran valor como medio de desenvolvemento económico e social. Un ben material de primeira orde. Por iso quixeramos que Quiroga, a nosa vila, fose unha das capitais desa galaxia de Vilas Literarias que se está a conformar en Galicia. E no centro dese universo literario ha brillar a Casa dos Poetas do Val ou Museo Literario. Unha Casa ou Museo, vivo e moderno, que viría a complementar e agrandar a actual oferta museística de temática xeolóxica e etnográfica. 

Daquela, agardamos que este libro poida ser reeditado. Merece un lugar singular nos andéis desa anseiada Casa dos Poetas. Sólo cómpre unha revisión e unha actualización coas achegas dos  novos poetas e narradores, ou daqueloutros que a autora tivese esquecido na primeira edición. Desde aquí van os nosos azos para Celia Díaz Núñez e o noso desexo de que retome un proxecto que sabemos necesario, así como aos responsábeis municipais para que sexan conscientes do valor desta iniciativa e xenerosamente axuden a concretala, como noutrora fixeran posibilitando a publicación do libro. Arestora segue a ser igual de oportuno e de necesario. Diríamos que mesmo máis necesario. 

Comentarios

Publicacións populares