EDUARDO MOREIRAS: DOUS CONTOS DA MONTAÑA

Vilas Literarias: Quiroga


Eduardo Moreiras: dous contos da montaña


X. Pérez Mondelo



Toda a obra de Eduardo Moreiras é un fermoso canto ás terras de Quiroga e Caurel, tanto a súa obra poética como narrativa, especialmente Primaveira no Lor, o cimo do seu canto. Mais hai dous relatos fascinantes: Serra aberta e Mentras neva, incluídos no libro Fogo Solto. Son os máis belos relatos escritos sobre a montaña galega, dous inesquecibles contos da montaña, como ten titulado un seu libro o romancista portugués Miguel Torga. Son dúas delicadas historias de amor ambientadas en cadansúa encosta da montaña quiroguesa que descende cara ao Sil e o val. Unha ambientada na parte occidental acariñada polo río Lor e a outra na parte oriental que percorre silandeiro  o Soldón. Dúas historias de amor e dous retratos ferintes da vida dos derradeiros moradores deses espazos arredados e do seu abandono e destrución. Unha metáfora e unha denuncia ao tempo  da agonía e morte dunha Galicia á intemperie da historia. 

A primeira, Serra aberta, ten como protagonistas a dous vellos namorados do Agro de Soán. Anselmo e Idalinda, os seus últimos moradores. Dous amantes que despois de viviren o seu amor en silencio e soidade cada un no seu casal, deciden consumar a súa paixón amorosa a noite anterior  á que a amada abandone para sempre o lugar levada polo seu fillo, que vén na súa procura. O amante solitario rememorará os seus días de calado amor no tempo que dura a súa visión do jeep do fillo de Idalinda, a percorrer devagar na tardiña os carreiros da serra até a súa chegada a Soán. Un camiño sen retorno. A definitiva aceptación da soidade, asumida agora con tristeza polos amantes, mais tamén con conformidade,  despois dunha noite de entrega ardente e calada. 



No outro relato, Mentras neva, son dous rapaciños namorados os protagonistas. O Mociño e a Rapariga. Agora é o principio do amor. O mociño pastor desde o alto dunha pena da serra de Rocaboa olla a marcha lenta e definitiva do carro que leva á súa amada. A mociña tamén namorada. E mentres olla o canto triste do carro na rocha viva, cae a neve. Neva en todo o ámbito da serra como no corazón magoado dos rapaces. E todo vai esvaéndose: o casal solitario, os ríos e a tarde. 


Volta a noite eterna sobre a montaña. Unha pena sen nome cobre a serra. Mañá é outro día e o que ha de vir virá. 


Fotografías: Lugar de Soán, de © X. Pérez Mondelo























E. Moreiras, debuxado por Laxeiro

Comentarios

Publicacións populares