XOÁN ROLO: ESE MESTRE

Vilas literarias: Quiroga




Xoán Rolo: ese mestre 

X. Pérez Mondelo 

Xosé Antón Rodríguez López foi un mestre sen cátedra, socrático e peripatético, con escola aberta nas rúas e prazas da vila, polos camiños do val, nos soutos e devesas da serra. Alí onde se encontrase exercía o seu maxisterio libre e alegre, nas aulas sen muros da vida. Como quen non quere a cousa. Un maxisterio que non procuraba mais que levaba dentro e do que bebiamos todos os que o admiramos. Un saber natural sobre as plantas, os paxaros e os cogumelos. Sobre os castros e as mámoas, sobre os poetas e os vagabundos que cruzaban a feira e os camiños. Sobre os ríos e as aguias... sobre o viño novo e as ordenanzas municipais. Para el unha mesma cousa unha roseira do seu horto que un vagalume,  unha estrela que un can, unha fala nun encontro casual que un acto inaugural e solemne. Era o seu modo de ser e de estar, de amar a vida, "ese milagre que esvara cada día polos tellados". 

Pepe era a memoria histórica da vila, o seu verdadeiro cronista oficial, o home que todo nolo podía contar,  o notario das horas do pobo. Un humanista sen fachenda, un galeguista sen capela, un xornalista sen redacción, o mestre amigo dos mozos e dos nenos, o sorriso que ilumina os días, o  entusiamo e a fidelidade. Un fabulador de seu. O frautista de Hamelín. 

Algún día os quirogueses han de recoñecerlle a súa lealdade á vila. Unha publicación que recolla a súa obra, agora dispersa: os seus traballos xornalísticos, toda unha vida como correspondente dos principais xornais de Galicia; o seu nome a dignificar unha rúa; un premio, calquera iniciativa que honre a súa memoria... estarían a honrar á propia vila en primeira instancia. Todo en xusto pago por tanto amor como espallou pola cultura e a historia de Quiroga e pola súa veciñanza. Por tanta xenerosidade. Por esa luz que só desprenden os mestres. 


Fotografía no Castro de Vilar están Xoán Rolo (esquerda) e o xornalista Rafael Vilaseca. O fotógrafo era © Peinó. O diario que recolleu a información foi La Voz de Galicia.

Comentarios

Publicacións populares