MUSEO LITERARIO DE QUIROGA

Vilas literarias: Quiroga 

Museo Literario de Quiroga 

Xosé P. Mondelo

En Quiroga hai un completo museo etnográfico e un excelente museo xeolóxico, único nunha vila galega. Pensamos que completar esta oferta museística coa creación dun novo museo de carácter literario e artístico había ser unha iniciativa de enorme interés e proxección de futuro. Un museo que recolla a obra dos escritores da vila ou que dela fixeron un motivo central da súa creación. Grandes escritores como Eduardo Moreiras, Ánxel Fole, Ernesto Guerra da Cal ou Manuel María, entre os consagrados, mais tamén a obra dos novos narradores e poetas quirogueses. Este museo sería unha aberta e democrática Casa dos Poetas da montaña e do val. E non só dos poetas senón que tamén daqueles creadores do pasado e do presente noutras diferentes artes: pintores, músicos, fotógrafos...

Este sentido plural e interdisciplinar sería o selo de distinción do que podemos bautizar co nome de Museo Literario de Quiroga. Non sería necesaria unha nova infraestrutura, só reacomodar algunha das funcións e dos espazos xa existentes, como os da Casa da Cultura e o Auditorio. 


Sería un museo vivo, dotado con modernos medios e técnicas museísticas. Un museo que actuase como espazo de creación, de estudo e de investigación, con biblioteca e arquivo especializados. Un apoio e un novo recurso de aprendizaxe para os centros educativos e outras institucións da vila. Un centro irradiador da cultura da comarca, que integraría as ofertas etnográfica e xeolóxica nun máis amplo proxecto cultural, que á súa vez estaría integrado e sería partícipe da propia oferta de cultura e lecer da provincia e de Galicia. 

Póñamos un exemplo: o Museo Literario, no que estarían representados coas súas grandes obras os nosos escritores, onde se reproduzan en belas fotografías e por medios audiovisuais e das novas ferramentas da comunicación a súa imaxe e os seus textos, as primeiras edicións dos seus libros, e que podía servir para establecer interesantes itinerarios literarios, debidamente sinalizados, pola vila e polos distintos lugares do val que aparezan descritos nas súas obras. Deseño de itinerarios que como paso previo nos levaría a que fosen ben identificadas as casas onde nacesen ou teñan vivido eses escritores e artistas. Unha placa, deseñada con esmero na que se poida ler: "Nesta casa naceu Eduardo Moreiras, autor de Primavera do Lor" , ou ben esta: "Nesta casa, viviu os anos felices da súa nenez, o poeta Ernesto Guerra da Cal",  ou estoutra:  "Aquí, na casa da Veiguiña, escribiu Ánxel Fole, o libro Á lus do candil". Unha serie de iniciativas que farían de Quiroga unha das máis importantes vilas literarias de Galicia, a carón de Padrón, Rianxo, Celanova ou Mondoñedo e que nos permitirían entrar a formar parte da Rede de Vilas Literarias de Galicia, en pé de igualdade coas citadas vilas.

E, consonte ese sentido de integración e cooperación, estableceríanse en primeiro lugar vencellos con aquelas Casas de Poetas e espazos literarios mais próximos, conformando unha interesantísima oferta de turismo cultural na provincia: a casa de Manuel María en Outeiro de Rei, a de Fiz Vergara Vilariño en Santalla de Lóuzara, a de Uxío Novoneyra en Parada do Courel ... a dos poetas da Terra Cha e da propia capital. Unha rede única de Casas de Poetas e espazos literarios, pioneira e singular, de gran atractivo para os visitantes. E cada día máis demandada. 


Terras con tanta riqueza literaria como Quiroga teñen que ser conscientes de que o seu verdadeiro tesouro está na cultura e no seu medio natural. Velaí o futuro, a nosa trabe de ouro. Quen queira progresar e sobrevivir, levar a vila a un futuro de benestar, ten que coidar con ansía o seu medio ambiente e a súa cultura. Hai que desbotar a idea de que esta é un ben unicamente inmaterial, sen prezo nin valor, unha sorte de adorno do que podemos prescindir. Ca!  A cultura é un ben material de primeira orde, unha fonte de riqueza, unha materia permanentemente renovable e inagotable de se cultivar. A cultura, a educación, a natureza, os libros e os ríos, o aire e as palabras. O gran tesouro das ideas. Ese é o ouro do presente e do futuro. A base da nosa riqueza, o noso máis prezado ben. 

É por iso que demandamos a creación en Quiroga dun Museo Literario. É unha proposta valente e rentable de futuro Unha inversión necesaria para o val, unha mostra da nosa capacidade para construírmos hoxe a vila do mañán dun xeito lúcido e decidido. Unha iniciativa desde o ámbito cultural, educativo e medioambiental de gran valor simbólico, singularizadora do pobo e xeradora de riqueza, cabo doutras fontes de progreso e benestar. 

O museo, unha solaina que nos abre a un tempo novo e unha marca de distinción. 


As fotografías das casas onde viviron Eduardo Moreiras e Ernesto Guerra da Cal, en Quiroga, son de © Xosé P. Mondelo.

Comentarios

Publicacións populares