XOSÉ A. NEIRA CRUZ EN VALDEMULLER
Vilas literarias: Quiroga
Xosé A. Neira Cruz en Valdemuller
Xosé P. Mondelo
Mina, a protagonista do libro de Valdemuller, do escritor X. Antonio Neira Cruz, é unha rapaciña que ao cumprir os quince anos, recibe un inesperado agasallo: un colgante con forma de estrela de sete puntas. Un agasallo sorprendente de parte de Tía Estrela, um misterioso membro da súa familia da que ela nunca oira falar. Unha sorpresa maiúscula. Cómo é posible que ninguén na familia lle teña falado nunca da existencia de Tía Estrela? Intrigada por este silencio decide emprender a súa busca e toda a novela se centrará, a partir dese día, na procura desa tía- avoa, en resolver o misterio que envolve a súa figura. E daquela inicia o camiño, unha viaxe que a levará até Valdemuller, un bosque, fraga ou devesa no que despois de múltiples pescudas, descobre que se agocha Estrela.
A derradeira etapa desa viaxe condúcea até Quiroga, punto a partir do cal ten que seguir por unha estrada da montaña que a levará a Valdemuller. Chega a Quiroga un día de feira e antes de iniciar a subida até a serra alta, entretense nun deambular distraído por entre os postos da feira. "Gústanme as feiras. Sempre me gustaron. Gústame o que gardan de autenticidade e mesmo os que as contrafai ata convertelas no que non eran. Gústame reencontrarme coas rosquilleiras, coas panadeiras - mellor se aínda pesan en romana-, coas paisanas que trouxeron a vender polos da casa e coas que botaron man un pouco a todo o que medraba na horta para presentalo enriba dun pano disposto sobre o chan. Nas miradas de todas esa mulleres intúo coñecementos nos que devecería por afondar..." Nestas cavilacións vai pasando Mina a mañá ao tempo que pregunta polo camiño certo para chegar a Valdemuller. "Alí nace un camiño que leva a Santa Cubicia. Non che é máis ca media hora a pé. En Santa Cubicia volve preguntar na tasca do Avelino", indicoulle unha vella que vendía chícharos, a mais discreta, arrecunchada e recollida sobres si.
Xose Antonio Neira Cruz , o escritor compostelán, é licenciado en Filoloxía Italiana e profesor na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago. Director da excelente revista de literatura infantil e xuvenil, Fadamorgana, é autor de libros moi do agrado dos lectores como As cousas claras, O armiño dorme ou A memoria das árbores.
Comentarios