XOSÉ ESTÉVEZ E X. LUÍS URTEAGA: HISTORIADORES E XEÓGRAFOS NA LONXANÍA

      Vilas literarias: Quiroga 


Xosé Estévez e X. Luís Urteaga: historiadores e xeógrafos na lonxanía 

Xosé P. Mondelo


Cando falamos de lonxanía, facémolo nun sentido figurado, pois en espírito estes dous profesores universitarios, malia vivir lonxe de Quiroga, teñen decote cravada dentro a doce memoria da vila, á que acoden non ben llo permiten os seus quefaceres profesionais. En canto teñen ocasión voltan ledos e discretamente dos seus destinos no País Vasco e en Cataluña para gozaren das súas andainas pola contorna quiroguesa e polos camiños abertos de Galicia. As súas ausencias da terra son como as de tantos veciños doutrora levados lonxe por circunstancias ben diversas, unhas veces queridas e outras moitas obrigados, como é o caso de tantos mozos e mozas que de novo teñen que deixar Galicia. Todos eles seguro que senten ben dentro os versos desta canción popular: " Anque me vou, non me vou/ anque me vou non me ausento/ que anque me vou de palabra/ non me vou de pensamento". 

O traballo no campo da ciencia e da pedagoxía, no activismo social e cultura de X. Estévez e de Luís Urteaga é especialmente fértil e significativo, en especial no ámbito da historia e da xeografía de Galicia e dos seus respectivos países de acollida.



Xosé Estévez, profesor na Universidade de Deusto,  prestou unha especial atención aos problemas nacionais de Galicia e as relacións historicas da nosa Terra con Euskadi e Cataluña. Libros como "Impenitencias Galeuzcanas",  "Castelao e o Galeuzca" ou "Cultura Vasca",  son de estudo obrigado para afondar e comprendermos este aspecto da historia. Mais tamén é autor de libros de ficción, de obras de carácter memoralístico así como de numerosos traballos sobre historia de Euskadi e de Galicia,  e en concreto sobre a bisbarra quiroguesa, sendo tamén autor  de innumerables colaboracións xornalísticas na prensa galega así como na vasca. 


Xosé Luís Urteaga, catedrático de Geografía Humana da Universidade de Barcelona, profesor invitado en distintas universidas europeas, especialista en Geografía historica, en investigación sobre a xeografía historica da industrialización e sobre a xestión de recursos de modo sostenible no tempo, centra agora o seu labor científico na Cartografía, unha área de coñecemento que impulsou e modernizou, na que é internacionalmente recoñecido e que o levou a ser galardoado co premio Imago Mundi no ano 2013. O premio de maior prestixio neste campo do saber. Son tan diversas as súas publicacións en cada unha destas áreas do coñecemento xeográfico e historiográfico, maiormente no ámbito da Cartografía, que non seriamos quen de salientar unha achega concreta. 


Os profesores Estévez e Urteaga son dous grandes embaixadores de Galicia en Euskadi e Cataluña, dous pregoeiros de excepción das excelencias da súa vila. 

Comentarios

Publicacións populares