Farrapos

Quérennos facer que somos libres
rompéndono-lo día a tiros.
Pacifican o pobo con dinamita.
Falan de libertades e cérchanno-la idea.
Presumen de concordia e crían oseiras.
Quérennos facer crer que somos libres
ministros do códabo e de couce
que fixeron a xura ante eles mesmos.
Fálannos de futuros
con leria e bola.
Que no nome da patria
cerchémo-los estómagos.
Dinnos que son honrados eses que nos saquean.
Imos así, degolados,
coas mans baleiras
onde agardan famélicos os nenos
sen fogares.
A nosa soldada alonga só agonías.
Quérennos facer crer que somos libres
e a cada intre medran máis as gadoupas
que nos unen escravos a estes déspotas.
Non podemos chorar nin morrer libremente.
En cada encrucillada vixía un asasino
para lles dar longura a estes farrapos.





Rol de cantárida
Eduardo González Ananín

Fotograma do filme Soylent Green, de Richard Fleischer

Comentarios

Publicacións populares