XOSÉ TEIXELO: POESÍA AO ÓLEO
Vilas literarias: Quiroga
Xosé Teixelo: poesía ao óleo
Xosé P. Mondelo
Manuel María nunhas palabras para o catálogo dunha exposición do pintor de Quiroga dicía: "resulta estraño que esta tribu, con tanta personalidade non tivera un poeta de seu que fora a voz desta bisbarra. Nembargantes ten o seu pintor. Chámase Xosé Teixelo. Se esta terra non ten a voz dun poeta propio ten, en troques, un retrato fiel da súa face e do seu ser, gracias á arte do seu pintor. Por este retrato verdadeiro podemos coñecela e desvelar parte do seu misterioso e inquedante engado". Isto decía o poeta da Chá no catálogo da exposición de Xosé Teixelo, Pin, na Sala de Exposicións do Concello da Coruña, inaugurada en xaneiro do ano 1988. O mesmo ano no que se publican os 'Sonetos ao Val de Quiroga', libro ilustrado polo propio Teixelo. Daquela, un ano este que vai ser decisivo na conformación última do imaxinario poético e plástico das terras de Quiroga, Ribas de Sil e baixo Caurel. Palabra e imaxes, as de Manuel e Pin, que xa están na memoria do pobo, nun feliz encontro da palabra poética e as artes plásticas.
Ese imaxinario xa tiña uns sólidos antecedentes literarios na obra de escritores como Fole, o grande retratista da nosa xente e as nosas paisaxes, de Ernesto Guerra da Cal, para sempre a habitar o paraíso íntimo que atravesa o Sil, o seu río de soño e tempo, e por Eduardo Moreiras, o outro gran paisaxista, sublime autor de Primaveira no Lor e doutros libros fondos, sutís e dunha absoluta modernidade como Follas de Vagar. E, seguindo este ronsel creativo, Manuel María e Xosé Teixelo van agasallarnos en Sonetos ao val de Quiroga cunha nova e fermosa recreación do ser quirogués.
Mais hai tamén na obra de Teixelo unha liña de busca e experimentación píctórica moi diferente: unha pintura arriscada, persoal e desgarrada. Uns cadros de carácter onírico, dun colorido expresionista e cru, nos que o pintor retrata a alienación do ser humano nunha sociedade deshumanizada. Uns cadros que agochan unha crítica ferinte e desolada. Cadros en certo modo dolorosos por visionarios, cunha estética underground, próxima á linguaxe da psicodelia e da banda deseñada.
E, canda estes cadros de carácter paisaxístico e onírico, Xosé Teixelo tamén cultivou unha liña máis artesanal e etnográfica, pintando o día a día das xentes do pobo, os seus traballos e os seus días.
Por último, non podemos deixar de citar un cadro especial, un cadro que para sempre quedará asociado á obra de Xosé Teixelo: o titulado "Simboloxía Histórica Val dos Caídos, anos 40". Unha obra monumental na que a modo de mural o pintor narra distintas escenas sobre a historia da construción deste faraónico monumento. Un testemuño pictórico e histórico que á súa vez está inspirado no libro "La verdadera historia del Valle de los Caídos" (1976) do escritor e xornalista coruñés Daniel Sueiro.
Toda esta rica e diversa obra do pintor quirogués, falecido cando estaba inmerso na procura de novas liñas de busca e experimentación, merece un profundo estudo e o máis esmerado coidado e conservación. Unha obra que xa é patrimonio de Quiroga e de Galicia e que está á espera dunha nova exposición pública. Preguntado por este legado, o poeta Manuel María, divulgador da súa obra, ten afirmado, logo dun recital poético en Quiroga no ano 1992, en honor ao pintor: "penso que Teixelo merece outro tipo de homenaxe na que sexa exposta a súa obra, acompañada duns coloquios e conferencias para explicala e clarificala".
Esta homenaxe, exposición e estudo faise cada día máis evidente, máis necesaria. Oxalá a vila do pintor e outras institucións do país, poidan asumir este reto. De tanto amor en xusto pago.
Como lembranza agradecida, quedemos con estes versos que o poeta de Outeiro de Rei escribiu para o amigo pintor.
<Soneto en lembranza e homenaxe a Xosé Teixelo, o 'Pintor do Sil'>.
En ocasións marchar é ben sinxelo:
abonda con pechar luz e sorriso
e irse supetamente, sen aviso,
como se foi, un día, Pin Teixelo.
¿El non tería, cecáis, o compromiso
de decorar, de novo, o Sete-Estrelo
--vermello, verde, malva e amarelo--
e restaurar, de azul, o Paradiso..?
Retratou á súa patria verdadeira,
á súa xente cordial, leda e xentil,
á beleza do val: serra e ribeira.
Pra Teixelo, no alén, sempre é abril.
E xa anda a colorear á súa maneira:
¡As Novais, Vilaverde e máis o Sil!
Manuel María
Primaveira 1991
Comentarios