Un
xardín de Ferrara
A lectura da novela El jardín de los Finzi Contini, de Giorgio Bassani (1916-2000) produciuse no meu caso despois de ver a película do mesmo título dirixida por Vittorio De Sica. Noutras ocasións foi ao revés, a lectura dunha novela levoume á sala de proxección, non con ánimo de comparar, máis ben para sentir as sensacións que me produciu a lectura. Tamén é verdade que, en determinados casos, deixei de ler ou acudir ao cinema pois xa non necesitaba ningunha versión máis da obra ollada ou lida.
Aínda que Bassani colaborou ao principio con De Sica, produciuse un desencontro entre o cineasta e o escritor na elaboración do filme, pero, pola miña banda, aínda que a novela está por encima da película, o filme non me desagradou. A intensidade das 250 apertadas páxinas da novela é difícil de encanar no formato do cinema, porque se basea máis que nada nun mundo literario, pois Il giardino dei Finzi-Contini (título orixinal) non é máis que unha parte dese mundo literario que se estende pola novela de Ferrara, xeografía na que se concentra a mellor narrativa de Bassani, un home polifacético que non dubidou en escribir tamén e con bo tino poesía, ensaio e guións, entre outros xéneros.
O seu compatriota, escritor e cineasta, Pier Paolo Pasolini non se equivocou cando dixo que en Bassani o importante é a lucidez con que se pon a describir o mundo segundo un modo propio e interior de xulgalo, un modo absolutamente laico, claramente racional, pero baseado nunha forza emotiva orixinal e inesgotable. Na novela do ciclo de Ferrara, esa emotividade cargada dun impresionante lirismo serve para encamiñar ao lector cara a relación dun mozo xudeu cunha adolescente de rica familia hebrea que vivirán os dramáticos momentos das leis racistas que o fascismo italiano encabezado polo ditador Benito Mussolini aplicou de acordo co nazismo de Adolf Hitler.
A novela remarca unha época que remata, e con ela moitas cousas máis acaban. O amor idealizado do novo narrador non chega ao seu culmen por culpa da aparición da morte na súa forma máis devastadora como foron os campos de concentración da década de 1940. Con todo, El jardín de los Finzi-Contini entra na lista das grandes novelas de amor do século XX, pero tamén naquelas obras literarias que teñen como fondo a reflexión sobre a caducidade da vida.
Como ben ben di o poeta Antonio Colinas, na introdución da obra editada por Espasa Calpe, na colección Austral, pois algunhas teorías apuntan a posibles conexións da novela coa biografía do autor: "Cunha certa orixe real ou simplemente ficticio, o certo é que o personaxe central Micòl ábrese paso entre os demais (e nas preferencias do lector) polo seu encanto e complexidade. Falando de Micòl temos que volver lembrar o sentido de morte que hai neste libro. Ela encarna ese sentido de perfección. A morte, insisto, como algo natural, non morboso, que debe ser asumido. Esta idea compártea a mesma Micòl mentres contempla unha barca esnaquizada... Ela rexeita ao home que a ama simplemente porque o seu é outro destino: un destino de morte".
Comentarios